Unha colección única no mundo que aborda a creación da imaxe pública de tradutores e intérpretes

A vida cotiá, o espazo colonial ou as guerras, son algúns dos campos temáticos da colección

Etiquetas
Exemplo de cromo dunha serie dedicada ós medios de transporte polo mundo, coa figura dun intérprete en primeiro plano

“Pura serendipia!” Así, como un descubrimento inesperado que se produce cando se está na procura de algo diferente, asegura o docente e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Anxo Fernández que naceu Icoti, unha base de datos e colección material composta por documentos e representacións iconográficas centrada na creación da imaxe pública da persoa tradutora ou intérprete. Transcorrida máis dunha década desde aquel día no que Anxo Fernández, interesado na investigación dos modos en que a muller foi accedendo aos oficios da tradución, mercou unha postal dun intérprete árabe, Icoti foi sumando pezas ata acadar as máis de 300 actuais, o que a converte nunha colección única no mundo “dedicada específica e extensivamente á iconografía de tradutores e intérpretes”, explica o docente e investigador.