A Facultade de Filoloxía e Tradución é unha das mais antigas da Universidade de Vigo. Sita no campus de Lagoas-Marcosende, ocupa un edificio histórico, magníficamente integrado na súa contorna natural, que albergou dende os seus inicios o vello Colexio Universitario, semente da actual universidade. Fórmanse neste centro singular –o único destas características en Vigo– estudantes do eido de Artes e Humanidades co obxectivo de acadaren os coñecementos e destrezas que lles han permitir converterse en profesionais eficientes e, ao mesmo tempo, ser quen de lograren unha educación ampla e equilibrada encamiñada a formar unha cidadanía crítica e ben informada. En 2024 cumpre 25 anos con esta denominación.
Trátase dun centro universitario que procura a excelencia académica a través do estudo, a investigación e a innovación no campo das linguas e literaturas propias (galego, español) e estranxeiras (inglés, francés, alemán e portugués), en paralelo á súa tradución e interpretación, con tres graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior: Filoloxía Aplicada Galega e Española, Linguas Estranxeiras, Tradución e Interpretación. Así mesmo, impártense nel catro mestrados universitarios: Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións, Lingüística Aplicada, Tradución Multimedia, Tradución para a comunicación internacional (Selo de Excelencia da Xunta de Galicia) e cinco doutoramentos: Estudos Literarios (interuniversitario coa Universidade da Coruña), Estudos Ingleses Avanzados: Lingüística, Literatura e Cultura (coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela), Estudos Lingüisticos (coa Universidade da Coruña), Tradución e Paratradución, e Comunicación.
A Facultade de Filoloxía e Tradución atópase nun momento de grandes retos e desafíos, pois o sistema universitario de hoxe esixe unha serie de accións e tarefas impensables non hai tanto tempo. O equipo de goberno do centro, na súa segunda andaina tralas eleccións de 2023, quere dar resposta ás necesidades e urxencias dunha facultade moderna, cun equipo paritario que mestura xuventude e experiencia, con longas traxectorias ben como xestores ben como investigadores, con ganas de traballar e ilusión por encarar os devanditos desafíos cos que se enfrontan o noso centro e a universidade actual. Xestionamos o día a día dunha facultade grande, coas súas complexidades e dificultades, a través sobre todo do diálogo e do respecto. Pretendemos facer chegar á sociedade o inmenso traballo e investigación que realizamos; en definitiva, mostrar á nosa contorna, dentro e fóra da Universidade de Vigo, a necesidade dos nosos estudos e a pertinencia dunha Facultade de Filoloxía e Tradución no sur de Galicia, nestes tempos en que cómpre facermos fronte a múltiples cambios e nos que os estudos lingüísticos e culturais deben seguir contando cun papel relevante.
A facultade asume un compromiso sólido coa responsabilidade que as artes e as humanidades defenden canto a ofrecer respostas ás dinámicas sociais dos tempos actuais: a liberdade, a inclusión, a creación de sentido, a intelixencia cultural e a cidadanía responsable e democrática, que se vencellan con algúns dos desafíos máis importantes da sostibilidade social: a expresión cultural, a igualdade das linguas e a súa protección, a inter/transculturalidade, os movementos migratorios, a alfabetización dixital etc. E como centro de formación universitaria tamén quere corresponder ao tecido empresarial, social e cultural e involucrarse así na colaboración cos axentes sociais, o que xustifica asegurármonos unha educación non só centrada nos contidos senón tamén nas competencias instrumentais e do saber ser, fornecendo a capacidade de acción das persoas tituladas na sociedade.
Atoparedes nesta páxina web do centro información precisa sobre os nosos graos e mestrados; tamén sobre todas as actividades aquí organizadas, que complementan a formación integral do estudantado, así como coñecemento sobre as infraestruturas das que dispoñemos.
O centro conta coa certificación FIDES-AUDIT e considera a mobilidade internacional de estudantado e profesorado unha das súas prioridades e características máis salientables, polo que anima a ambas as partes a realizar estadías no estranxeiro ao abeiro dos programas internacionáis Erasmus+, convenios bilaterais (bolsas propias etc.), ISEP e Erasmus Mundus. Tamén son sinais de identidade a inclusión e a defensa e fomento da lingua galega: o distintivo de Igualdade, concedido na súa primeira convocatoria (2022) ao centro polo “compromiso e promoción activa e permanente da igualdade”, e o de Galeguización, a título honorífico, en 2023, por “poñer en valor o labor cotián a prol do idioma propio de Galicia, baixo un compromiso en todo momento firme e infatigable da Facultade de Filoloxía e Tradución” hónrannos especialmente e aléntannos a porfiar nesta liña emprendida.
A Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo é un lugar para traballar e deixar traballar; para que o noso profesorado imparta a súa docencia e desenvolva os seus proxectos e investigacións; para que o estudantado poida asistir ás clases e incorporarse á vida académica, primeiro, e á laboral, despois; e para que o persoal de administración e servizos teña tamén unha contorna positiva onde ser quen de desenvolver o seu traballo habitual. A suma destes tres elementos, cerna da vida dun centro universitario, permitirá acadarmos unha facultade acorde cos tempos da universidade de hoxe e da de Vigo en particular.
Contades connosco; contamos con vós.