O programa Mentoring-FFT é unha parte fundamental do Plan de Acción Titorial (PAT) no Grao en Linguas Estranxeiras da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Durante anos, foi o profesorado quen exerceu o labor de mentor do estudantado do primeiro curso. Dende o curso académico 2015/2016 é o estudantado de cursos avanzados quen se involucra no proceso de orientación ao estudantado que comeza os seus estudos universitarios. Outro cambio importante é que as persoas que participan no programa son seleccionadas e formadas especificamente para este programa de mentorización. O estudantado novo, mentees, está mentorizado por outro estudantado, mentors, e como consecuencia lóxica cremos que mellorarán en termos de comunicación e de resultados. Isto non é soamente unha idea ou asunción, senón que está corroborado con datos estatísticos recollidos sobre os anos que levan impartindo o programa de mentorización na Escola de Enxeñaría e Telecomunicación (MEET-Teleco).

O programa Mentoring-FFT é unha oportunidade tripla:

  • Para o estudantado mentor porque, alén das competencias académicas que ides adquirir como estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT), na vosa vida laboral (e persoal) ides precisar outras habilidades relacionadas co trato con persoas (clientes, xefes, compañeiras/os, persoal ao cargo, etc.), e tamén habilidades relacionadas co coñecemento e a xestión de vós mesmas/os. Mentoring-FFT proporciónavos unha introdución a estes aspectos e, cun enfoque eminentemente aplicado, ofrécevos a oportunidade de vivir unha primeira experiencia de liderado, axudando ao crecemento persoal de compañeiras/os recentemente chegadas/os á facultade.
  • Para o estudantado tutelado, mentees, porque ides contar co apoio doutro estudantado que, inda que con máis experiencia, está moi próximo a vós, que coñece de primeira man os vosos problemas e dificultades na incorporación á universidade e está disposto a orientarvos para que superedes as primeiras andaduras.
  • Para a facultade porque, por unha banda, o estudantado mentor mellorará as súas competencias, incrementando así a súa empregabilidade; por outra banda, os efectos beneficiosos sobre o estudantado tutelado (mentees) favorecerán a súa integración, a súa motivación e os seus resultados académicos. É unha oportunidade, en suma, para xestar unha cultura de organización baseada en aspectos que non son unicamente académicos.

 

Información para o futuro estudantado mentor

A Facultade de Filoloxía e Tradución, con axuda do Vicerreitorado de Organización Académica e Profesorado da Universidade, proporcionará formación específica para o estudantado que se ofreza voluntariamente e que sexa seleccionado para o rol de mentor. Esta formación será impartida por profesorado da UVigo especializado no ámbito de recursos humanos.

Dende a perspectiva do estudantado mentor, o proceso terá dúas etapas:

  • Etapa de formación: 6 días despois do período de exames de maio + 6 días a comezos de setembro
  • Etapa de mentoring: ao longo do período lectivo do curso académico

A formación recibida no programa Mentoring-FFT e a actividade de voluntariado levada a cabo serán debidamente acreditadas. A maiores, solicitarase á universidade a concesión de créditos ECTS para o estudantado mentor de grao.

Etapa de formación do estudantado mentor: calendario
A primeira quenda de sesións de formación durará 6 días e comezará despois do período oficial de exames de maio. Serán sesións de mañá de 4.5 horas, 54 horas en total.

Ao longo do curso académico tamén se organizarán 3 obradoiros de seguimento e orientación para o estudantado mentor, e 3 conferencias con persoas convidadas especializadas na mentorización.

Etapa de mentorización: calendario anual
Programaranse 4 reunións por cuadrimestre entre estudantado mentor e mentees, en horario compatible. As datas concretas dependerán do calendario académico oficial e comunicaranse con suficiente antelación.

O estudantado mentor adquirirá os seguintes compromisos:

  • Asistir aos cursos e obradoiros de formación (maio/xuño e setembro)
  • Liderar as reunións cos mentees e cubrir as actas de titorización que se deriven delas
  • Asistir e participar nas reunións de coordinación de mentores/as (mentores/as + coordinadoras do programa na FFT), onde poderá consultar dúbidas, pedir axuda ou aclarar calquera cuestión que xurda

Para ser mentor/a esixiranse algúns requisitos, pois non temos a capacidade de ofrecer esta oportunidade de formación a todo o estudantado do Grao en Linguas Estranxeiras. Farase unha selección entre o estudantado interesado en participar neste programa.

As condicións básicas son:

  • Ser estudante de 1º, 2º ou 3º curso do Grao en Linguas Estranxeiras no momento de solicitar a participación no programa
  • Ter dispoñibilidade para participar na fase de mentoring (incompatible, polo tanto coa participación en programas de mobilidade – Erasmus+, ISEP, Séneca, etc)

 

Apúntate!

Para participar como estudantado mentor deberás cubrir un breve formulario en liña no mes de abril en datas que se anunciarán con antelación.
O resultado da selección comunicarase persoalmente por correo electrónico.

 

Coordinación do Programa Mentoring-FFT

Rosalía Rodríguez Vázquez
peermentoring.fft@uvigo.es