Co propósito de compartir coa sociedade e difundir entre as persoas interesadas o coñecemento especializado sobre a tradución e interpretación de linguas de sinais, o vindeiro venres 9 de xuño o edificio Redeiras acollerá o obradoiro Interpretación e tradución de linguas de sinais: retos, estratexias e competencias.
O obxectivo, explica María Teresa Veiga, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística e membro do grupo de innovación docente Grettel, é dar a coñecer e poñer en valor os avances realizados ao abeiro dos distintos proxectos de investigación da UVigo sobre a tradución e interpretación de linguas de sinais e, ao tempo, “obter unha mellor comprensión da realidade e das demandas específicas dos tradutores e intérpretes de lingua de sinais española que operan en Vigo e os seus arredores”, destaca. Neste sentido, a docente subliña que “a colaboración e o intercambio de experiencias enriquecerá a formación dos participantes e brindará a oportunidade de explorar os desafíos inherentes á interpretación e tradución de linguas de sinais, así como as estratexias e competencias necesarias”. Ademais, engade, “pensamos que é fundamental que exista unha conexión entre a Universidade e a sociedade, entre as persoas investigadoras e a realidade cotiá das persoas que desempeñan ese traballo”.
O obradoiro será impartido por Carlos Rodrigues, profesor da Universidade Federal de Santa Catarina (UFSC), de Florianápolis (Brasil) e investigador principal do InterTrads (Centro de Investigación en Interpretación e Tradución de Linguas de Sinais), que se atopa na actualidade realizando unha estadía de investigación na Facultade de Filoloxía e Tradución. Este é un aspecto que tamén destaca Veiga, xa que dende Grettel consideran que “é preciso intercambiar experiencias entre persoas que proceden de distintas realidades, por iso nos pareceu que Carlos é a persoa idónea para falar do tema dende a perspectiva comparada da realidade da profesión e a investigación en Brasil e o que percibe da situación deste colectivo profesional en España”.
No taller, Rodrigues buscará, como el mesmo avanza, “contribuír á comprensión da diversidade de procesos de tradución e interpretación nos que interveñen as linguas de signos, así como das competencias que son requiridas por eles. Con isto, espero poder abordar os seus desafíos e compartir posibles solucións e estratexias que poidan empregar para enfrontalos”.
O prazo de inscrición para as persoas que estean interesadas en asistir estará aberto ata o 8 de xuño, o día antes da celebración do obradoiro.
Unha perspectiva comparada entre España e Brasil
Carlos Rodrigues leva dende o mes de setembro de 2022 realizando unha estadía de investigación dentro do Departamento de Tradución e Lingüística, en colaboración coa profesora María Teresa Veiga. Neste tempo, explica, puido estar en contacto con diferentes linguas e culturas, participar en cursos de grao, tanto como profesor como como observador e establecer relacións con diferentes profesores e investigadores do ámbito da tradución, da interpretación e tamén da lingüística, para desenvolver debates e investigacións “con outros compañeiros que se preocupan por formar tradutores e intérpretes e promover a accesibilidade”, entre outras oportunidades.
O docente brasileiro lembra que a escolla do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo debeuse á posibilidade de estar en contacto e debater coa profesora Veiga Díaz, “unha oportunidade para unir intereses comúns e ampliar perspectivas de investigación e posibilidades de colaboración, tanto entre os nosos grupos de investigación, como a nivel internacional. Todo isto, “co obxectivo de mellorar a formación de tradutores e intérpretes e avanzar nos estudos de tradución e interpretación das linguas de sinais en Brasil e España, que é o eido específico no que me centro”, conclúe.