Mañá venres comeza a funcionar a maquinaria da terceira edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos. Estes galardóns, impulsados pola Universidade de Vigo e o grupo Tradución & Paratradución (T&P), buscan visibilizar a importancia deste eido da industria do videoxogo e premiar o traballo dos profesionais que fan posible que este produtos dixitais cheguen a máis públicos, en máis idiomas e de maneira máis accesible.
Os galardóns forman parte das actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), recoñecido como Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia e Máster Europeo en Tradución (EMT) da Dirección Xeral de Tradución da Unión Europea. Esta terceira edición, que comprende oito categorías, busca destacar o esforzo e a dedicación das persoas que fan posible que “os videoxogos traspasen fronteiras lingüísticas e culturais”, como destacan os seus organizadores, os profesores Óscar Ferreiro, José Yuste e Ramón Méndez.
Oito categorías e unha aposta pola investigación
A terceira edición comprende oito categorías: Mellor localización de xogo con dobraxe; Mellor localización de xogo sen dobraxe; Mellor localización de xogo indie; Xogo máis accesible; Mellor xogo en galego; Mellor xogo en catalán; Mellor xogo en éuscaro e, finalmente, Premio Manolo Ramos ao mellor traballo de investigación. Precisamente esta última categoría é un dos aspectos que destacan dende a organización. Lanzada por primeira vez o ano pasado, pero de xeito individual e fóra desta convocatoria de galardóns, o seu obxectivo é recoñecer a calidade dos proxectos realizados polo persoal docente e investigador neste eido, incentivando a xeración de novas liñas de estudo.
Para iso, o xurado terá en conta aspectos como os obxectivos e a xustificación do estudo, a metodoloxía, o rigor científico, as novas perspectivas ou aplicacións prácticas e a calidade formal do traballo. En definitiva, esta categoría, explican Ferreiro, Yuste e Méndez, “é unha mostra do compromiso dos Premios ETIV-UVigo co fomento da investigación de calidade nun sector que, aínda que relativamente novo, está a ter un impacto global enorme”.
Un sector fundamental pero con pouca visibilidade
Coa paréntese do ano pasado, neste 2025 cúmprense tres edicións destes galardóns que son xa unha cita ineludible do curso académico. Para os organizadores, a valoración destes primeiros anos é “moi positiva”, xa que os premios se consolidaron “como unha referencia tanto dentro do calendario universitario como no sector da localización de videoxogos. Cada ano percibimos un maior interese e unha maior participación, tanto por parte do estudantado como de profesionais do sector”.
Para os tres docentes implicados na organización, os Premios ETIV-UVigo buscan precisamente “poñer en valor un sector que é fundamental na industria dos videoxogos, pero que, a miúdo, non recibe a visibilidade que merece”. Subliñan que a localización de videoxogos “vai moito máis alá da tradución; implica adaptar os xogos a contextos culturais diversos para que os xogadores de diferentes rexións poidan vivir unha experiencia inmersiva e auténtica”. Neste sentido, consideran que “estes premios permiten destacar o traballo de profesionais e estudantes que están a marcar a diferenza neste ámbito, así como fomentar a investigación e a formación neste sector tan dinámico. En definitiva, contribúen a que a localización de videoxogos teña o recoñecemento que merece como un elemento clave no éxito dun videoxogo a nivel global”.
Por outra banda, apuntan tamén ao protagonismo que os premios lles dan ás outras linguas oficiais, creando categorías específicas para recoñecer “non só o traballo de adaptación a estas linguas, senón tamén fomentar a súa presenza nun sector de grande impacto social e cultural como é o dos videoxogos”. Para os tres docentes, este é un xeito de “ reivindicar que as linguas minorizadas” no ámbito dixital e amosar que “poden ofrecer experiencias de xogo de gran calidade”.
Mañá venres comezan as votacións do público
Mañá venres ábrese a votación para que o público, a través da plataforma DoblajeVideojuegos, escolla os seus traballos favoritos para que sexan candidatos. Os dez xogos máis votados en cada categoría avanzarán á seguinte fase, na que o alumnado do Título de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo será quen elixa os tres títulos finalistas nas categorías de Mellor localización de xogo con dobraxe, sen dobraxe e de xogo indie. No que se refire ás categorías das outras linguas oficiais do Estado (galego, catalán e éuscaro) e accesibilidade, as propostas pasarán directamente ao xurado final, aínda que o alumnado poderá colaborar completando as listaxes de candidaturas.
Precisamente, o xurado composto por profesionais da prensa especializada e profesorado universitario será quen seleccione os proxectos gañadores, que serán anunciados nunha gala que, como vén sendo habitual, terá lugar a finais de curso.