Os enigmas anglosaxóns escritos na Idade Media teñen influído en numerosas obras da literatura universal, polo que aínda é factible atopar as súas pegadas en crebacabezas, xogos de palabras, incógnitas infantís e ata historias contemporáneas de detectives. O único exemplar que conserva este tipo de textos en inglés antigo é o Exeter Book, un manuscrito con cerca de 100 poemas breves que, mediante pistas e descricións misteriosas, desafían ao receptor a identificar conceptos, animais, procesos e obxectos.
Jorge Luis Bueno, profesor do Departamento de Literatura Inglesa, Francesa e Alemá e director do Servizo de Publicacións da UVigo, acaba de lanzar unha versión galega dos enigmas deste códice: Adiviñas medievais do Libro de Exeter. Nesta obra, rematada no período de confinamento e publicada pola primeira editorial especializada en traducións ao galego, Rinoceronte, Bueno é o encargado da tradución, o prólogo e as notas explicativas.