O proxecto de investigación InTruths2, coordinado pola profesora da Universidade de Vigo Teresa Caneda, analiza as articulacións de vulnerabilidades individuais e comunitarias na literatura irlandesa contemporánea. A idea de centrarse nesta temática xurdiu das conclusións dun proxecto previo, Truths, sobre os silencios e as verdades incómodas que se agochan da cultura e a sociedade irlandesa. Aquel equipo, tamén coordinado por Caneda, concluíu que as narrativas investigadas “poñen de manifesto a existencia de formas individuais e comunitarias de vulnerabilidade e tamén manifestan un desexo crucial de «falar» co fin de curar as feridas tanto dos cidadáns a nivel particular como da sociedade como conxunto”.
Aí é onde arrancou en 2021 inTRUTHS2, que como explica Caneda, vai máis aló dos significados polarizados da vulnerabilidade “nun intento de abordar as súas manifestacións multifacéticas na rica escena cultural da escritura irlandesa contemporánea, e especificamente pandémica e pospandémica”. Agora, tras anos de traballo, o proxecto encara a súa recta final (remata a finais deste curso) celebrando esta semana na Universidade de Galway o seu derradeiro seminario científico. Nesta cita, “exemplo da proxección internacional da investigación que se orixina na UVigo”, especialistas de diferentes países abordaron a interdependencia e a vulnerabilidade na cultura irlandesa actual.
Respostas éticas fronte á fraxilidade do mundo
Caneda coordinou a organización deste evento xunto con Seán Crosson, da universidade anfitrioa, e explica que o obxectivo é ampliar o foco do proxecto “para poñer en primeiro plano a aparición de formulacións positivas de interdependencia común e vulnerabilidades compartidas que se consideran respostas éticas fronte á fraxilidade e precariedade do mundo contemporáneo”.
Así, o seminario centrouse na discusión de textos, teorías, metodoloxías e ideoloxías que sinalan a capacidade de resposta ética da arte e a literatura fronte as falibilidades sistémicas, as debilidades sociais e as necesidades humanas universais”. O programa contou coa intervención, como convidadas plenarias, de Sarah-Anne Buckley (History, University of Galway) e Nessa Cronin (Irish Studies, University of Galway) e rematou cun tributo a Eibhear Walshe, membro do proxecto inTruths2, escritor e profesor da Universidade de Cork, falecido recentemente.
A escrita como factor clave para reactivar lazos comunitarios
Como explica Teresa Caneda, o proxecto InTruths arrancou onde rematou o seu predecesor, poñendo o foco nas vulnerabilidades individuais e comunitarias afectadas por formas globais e locais de precariedade. Dende que botou a andar en 2021, o obxectivo era analizar como a escrita irlandesa contemporánea ten reflexionando sobre estas fraxilidades, participando criticamente e reactivando a miúdo os lazos comunitarios de coidado e cooperación.
O que quixermos foi “rexistrar, identificar e explorar as articulacións literarias dos estados de vulnerabilidade na Irlanda contemporánea, onde, como xa discutimos nas publicación derivadas do proxecto anterior, os escritores seguiron debullando as contradicións e os conflitos d a súa sociedade a través de narrativas que, habitualmente, tratan de suxeitos feridos no contexto máis amplo da precariedade social e as prácticas institucionais daniñas”.