José Montero Reguera, actual decano en funcións da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, será o único candidato que concorrerá ás eleccións que o centro celebrará o vindeiro 21 de abril. Montero preséntase á relección co mesmo equipo co que ata o de agora dirixiu o centro, con Miguel Cuevas como secretario; Inmaculada Anaya como vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade; Beatriz Rodríguez, como vicedecana de Relacións Internacionais; María Seijas, como vicedecana de Calidade e Xosé Soto como vicedecano de Organización Académica.
Logo da proclamación definitiva da candidatura, que tivo lugar onte, hoxe comezou a compaña electoral, que se prolongará ata o día 19. O día 20 será xornada de reflexión e o 21 celebrarase a primeira votación ás 10.30 no salón da actos da facultade. “Continuar cun traballo que está a dar froito e desenvolver proxectos truncados pola pandemia en moitos eidos, máis singularmente nos ámbitos da diversidade, igualdade e inclusión”, é para o candidato ao decanato un dos seus obxectivos cara a relección, que recoñece supón “asumir unha responsabilidade nun momento difícil para as humanidades. A nosa facultade non deixa de ser unha illa nun mar de ciencias e tecnoloxía”, asegura.
Perseverar na liña de traballo, achegar o centro á sociedade, mellorar accións de captación de estudantado e procurar outros camiños de atracción aos estudos que imparten, son outras accións que o equipo aspirante á reelección pretende desenvolver. “A captación debe procurarse no propio país, mais tamén en Europa e outros países. A internacionalización da nosa facultade debe seguir sendo unha das súas singularidades,” explica Montero Reguera, que tamén incide na importancia de desenvolver o plan estratéxico para os vindeiros tres anos.
Ingreso no Instituto de Estudios Madrileños
Coincidindo coa proclamación definitiva da candidatura que preside ás eleccións ao decanato da FFT, Montero Reguera convertíase onte en membro numerario do Instituto de Estudios Madrileños. O catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da UVigo fora elixido na xunta xeral do IEM en xuño do ano 2021 e este xoves confirmaba o seu ingreso no instituto cun discurso titulado Memorias madrileñas de hace un siglo en homenaje a Pio Baroja. “Esta elección responde a unha longa dedicación ao estudo de escritores e textos moi vinculados a Madrid, no que me convertín en especialista, desde os alí nacidos (Cervantes, Lope, Calderón de la Barca), ou os que converteron a cidade en base fundamental das súas obras”, explica Montero, que asegura sentirse “moi honrado” de pertencer a un dos primeiros institutos de estudos locais vinculado ao CSIC, no camiño aberto, por exemplo polo Seminario de Estudos Galegos, que este ano celebra o seu centenario. Creado en 1951, o Instituto de Estudios Madrileños é unha institución cultural sen ánimo de lucro dedicada á promoción, estudo e difusión das realidades históricas e actuais, tanto sociais, como económicas, xurídicas e culturais de Madrid e a súa comunidade. “Contou cos máis prestixiosos investigadores, eminentes profesores universitarios e cualificados profesionais, nun nutrido elenco que percorre todas as disciplinas do coñecemento. Eu incorpórome a este brillante elenco no campo da literatura”, detalla Montero Reguera.
O catedrático da UVigo asegura que decidiu centrar o seu discurso en Baroja, primeiro, “pola débeda que o IEM contraeu o ano pasado de lembrar ao escritor no 150 aniversario do seu nacemento. Chegamos cun pouco de retraso, pero chegamos”; en segundo lugar, porque “lin moito, moitísimo de Baroja e é un xeito de recoñecerlle os moi bos ratos que me proporcionou a lectura das súas novelas e terceiro “porque conservo no arquivo familiar varias cartas manuscritas de Baroja ao meu avó”, lembra.