Xa está aberto o prazo para a presentación de propostas aos Premios de poesía, relato curto e tradución para o ano 2024, unha nova chamada da institución académica viguesa á creativa literaria en galego de todos os membros da comunidade universitaria. Repartiranse en total 3600 euros, un primeiro premio de 700 euros en cada categoría e dous accésits de 250€ cada un.
O obxectivo destes galardóns, convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, é distinguir as mellores poesías, relatos curtos traducións escritos en lingua galega, sempre de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia da Lingua e o Instituto da Lingua Galega.
Entrega de premios na celebración do Día das Letras Galegas
Encargarase de seleccionar as propostas gañadoras un xurado integrado por persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos da creación poética e narrativa, da crítica literaria e máis da tradución. Os autores e autoras das propostas gañadoras terán a oportunidade de recoller o galardón no acto institucional que se organice para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado nesta ocasión a Luísa Villalta, destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario. Ademais, como é habitual, os traballos gañadores serán publicados nunha obra editada pola propia Universidade de Vigo.
Os traballos que se presenten deberán ser inéditos e non ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado ou estar pendentes de concesión doutro premio. Ademais, cada unha das modalidades comprende unha serie de requisitos para os textos. No caso da poesía e do relato curto, a temática é libre e a extensión dos escritos será de entre 100 e 150 versos, no caso das poesías, e de entre 2500 e 6000 palabras para os relatos. Na modalidade de tradución, o texto fonte poderá ser de calquera xénero, tanto literatura como ensaio, divulgación científica, guión cinematográfico ou videoxogos, e en calquera idioma. A extensión deberá estar tamén entre as 2500 e as 6000 palabras.
Premiadas e premiados no 2023
En 2023 exerceu como presidente do xurado o escritor e profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía. Na categoría de poesía o primeiro premio foi para Natalia Otero Oubiña, polo poemario Meniña, e os accésits para Olivia Lens Priegue, por Cando soan as trompetas (1ª accésit), e para o profesor e exvicerreitor do campus de Ourense Virxilio Rodríguez, polo poemario Agora que comezamos a despedirnos (2º accésit).
En relato curto o primeiro premio foi para Marcos e a conquista, de Fabio Rivas, e o primeiro accésit para A posuída, de Allison Eudoxia Iglesias, decidindo o xurado deixar deserto o 2º accésit. No caso da tradución entregouse un premio único a Xulia Sánchez, pola tradución dun texto escrito en inglés por Hideaki Sena.