A actividades académica e cultural arranca con forza na Facultade de Filoloxía e Tradución. E é que na mañá deste xoves coincidiron no centro tres eventos de formación complementaria organizados polo decanato e por diferentes grupos de investigación.
Por unha banda, no salón de actos tivo lugar a primeira sesión deste curso do ciclo Conservas con… que contou como convidada coa xornalista, política e escritora Mª Xosé Porteiro. Da man da profesora e vicedecana do centro Inmaculada Anaya abordaron como tema central o discurso e reflexionaron sobre a elaboración do mesmo en distintas situacións. A este evento, que foi presentado polo decano do centro, José Montero, asistiu o reitor da Universidade, Manuel Reigosa.
Paralelamente, e dende as 10.30 horas, celebrouse no salón de graos a xornada Feminismos interseccionais: raza, sexo e xénero na cultura popular contemporánea organizada por BiFeGa, Grupo de investigación de estudos literarios e culturais, tradución e interpretación. Esta actividade, co-financiada a través das axudas de sensibilización en xénero da Unidade de Igualdade e da I Cátedra Internacional José Saramago, contou cunha conferencia plenaria a cargo de Rocío Cobo Piñeiro, da Universidade de Sevilla, e unha mesa redonda e debate coa participación de Iago Rodríguez Diéguez e Alba Zels Garrido, investigadores da Universidade de Vigo e Mariana Jorge Lozano, de Baphala Ediciones. Cobo fixo un percorrido dende Josephine Baker ata Janelle Monáe para abordar os feminismos e os corpos negros nos espectáculos musicais. Mentras, na mesa redonda, Iago Rodríguez centrouse nas mulleres na ficción diaspórica africana; Alba Zels no silenciamiento das mulleres singapurenses a través de The Taximan’s Story, de Catherine Lim e Mariana Jorge, fundadora de Baphala Ediciones, analizou as estéticas da existencia de Foucault, o BD/SM e a prostitución e as representacións da sexualidade radical en Pose e Bonding.
Tamén ao longo da mañá se celebrou na facultade a xornada Comunicar en Igualdade. Ciclo de actividades para a transmisión de valores igualitarios, unha evento que continuará o vindeiro xoves 28 e que tamén se insire na convocatoria de 2023 das Axudas para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na Universidade de Vigo da Unidade de Igualdade. Nesta primeira xornada interviñeron Celia Rocha-Táboas, que falou sobre a localización de videoxogos con perspectiva de xénero; Carla Míguez Bóveda, que se centrou na linguaxe inclusiva no ámbito académico e Ártemis López, que realizou unha intervención sobre os faladoiros interseccionais e a inclusión e exclusión na lingua e nos espazos. Este evento terá unha segunda xornada o vindeiro xoves a partir das 10.00 horas na que intervirán Xulia Daviña Fernández, que falará sobre igualdade no ámbito lexislativo, poñendo o foco nas coñecidas como Lei Trans e Lei do Só si é si; así como representantes da asociación Nós Mesmas, que se centrarán no labor das asociacións feministas.