Que é a semipresencialidade?

A semipresencialidade é unha modalidade de matrícula que permite compaxinar os estudos con outras actividades e ocupacións sen que se perda calidade. Para garantila, todas as guías das materias especifican os métodos e a avaliación aplicados á semipresencialidade. O obxectivo é que se adquiran as mesmas competencias que na modalidade presencial.

En Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, a semipresencialidade diferénciase da presencialidade polos métodos, pero non polos resultados.

A quen vai dirixida?

Está dirixida a aqueles e aquelas que non poden acudir ás clases presenciais tradicionais.

Serve para compaxinar estudos con outras ocupacións, ampliar formación sen ataduras horarias e estudar o que che interesa de forma libre, pero con axuda profesional.

Son moitos os tipos de persoas que se poden beneficiar deste tipo de modalidade de estudos, que, liberando das presións do reloxo, asegura un ensino de calidade.

Como se desenvolve?

Ao revés da modalidade totalmente non presencial, hai sesións presenciais obrigatorias, mais só as imprescindibles para que non se perda o contacto directo entre profesorado e estudantado.

Poderás acudir á sesión introdutoria de cada materia. Isto ha servirche para coñeceres o profesorado, a metodoloxía, os contidos, a avaliación, e para aclarar as túas dúbidas. Terás que acudir a algunha das sesións de avaliación.

Para examináreste podes optar por dous sistemas: avaliación continua e avaliación única. Para a avaliación continua teranse en conta as actividades que se describen nas fichas de cada materia baixo a epígrafe «sistemas de avaliación». Cada materia ten un sistema específico: traballos tutelados, presentacións orais, etc. Na avaliación continua hai probas que esixen a presencialidade, e outras, a maioría, que non.

A avaliación única consta dunha única proba, normalmente un exame escrito, que esixe tamén normalmente, estar presente na data oficial marcada pola facultade.

Onde accedo?

O profesorado porá á túa disposición os materiais e axuda necesarios para que poidas cursar sen problema a materia.

Os materiais están dispoñibles a través de FaiTIC, un servizo da UVigo para a teleformación, cursos masivos abertos en liña (Moocs), gravacións das clases presenciais, etc.

Se precisas axuda, poderás porte en contacto cos teus profesores a través do correo electrónico, Skype, etc. Ademais de aclarar as túas dúbidas presencialmente nas sesións cuadrimestrais que son de asistencia voluntaria.