Rexina Rodríguez Vega
Cando eu era moi nova e moi lectora non me decataba das poucas autoras que frecuentaba. Como é posible que aos meus vinte anos apenas se lera a María Xosé Queizán, a Carmen Martín Gaite, a Emilia Pardo Bazán, a Rosalía de Castro e ás dúas “Marguerites”, a Durás e a Yourcenar? Máis nada, intento esforzarme, pero non son quen de lembrar máis nomes naquel tempo de lecturas febrís, o tempo fundamental no que procuras respostas, no que afogas en preguntas pelexando unha maneira de comezar a estar no mundo.
Non, nos anos oitenta nin sequera percibía a importancia de ser muller escritora. O verdadeiramente importante era -dicíame eu, dicíase a maioría- escribir ben. A boa literatura non ten xénero, asumiamos, así, sen máis, como quen pensa que a expresión “Toda terra é dos homes” nos inclúe na súa afirmación voluntarista.
Faltaba tamén a épica, os modelos nos que proxectarse -cando es nova buscas imaxes valoradas, apetecibles, desexables. Na miña cultura tiña a imaxe dunha Rosalía angustiada, pechada no ámbito familiar, sen dereito a cuarto propio, e, xa na proximidade dos días, tiña á miña profesora de galego, María Xosé Queizán, que viamos como un verso solto, unha muller algo histérica, marxinal para os poderes do goberno incipiente, unha rebelde sen causa, vaia. Así eran as cousas daquela, así era o nivel de alienación co que pactabamos non hai tanto.
Durante os noventa, naquela etapa na que o diñeiro fluía e os autores literarios eran paseados por grandes festividades públicas, megacongresos e foros televisados, o tema da literatura feminina continuaba a ser un tema menor, vergonzante, lembro ter falado disto con Luisa Castro, unha das estrelas indiscutibles daquel tempo de bonanza. Molestaba a pregunta sobre o xénero ás escritoras que conseguiran acadar un lugar no noso parnaso. A escritura non estaba condicionada polo sexo, querían ser tratadas como iguais, un bo libro era un bo libro…
É certo que as orelleiras que impedían mirar ás beiras do camiño comezaban a caer xa, con máis rapidez na literatura galega ca na española, xusto é dicilo. O argumentario que descualificaba por esencialista a óptica feminina empezaba a esgazarse, a demostrar canto había de simplificación intereseira en negar o sexo como variable que importaba.
A partir dos anos dous mil, aínda atordadas pola conmoción da descuberta, a maioría comezamos a asumir, esta vez si, o alcance da manipulación ao que fóramos sometidas. Como non nos decataramos do que se nos furtara? Nada menos que a importancia de construírmonos como suxeitos, de ter dereito á representación da nosa identidade!
O corpo comezou a importar, si, o corpo que nos marca como seres subalternos, ese mesmo corpo que constrúe unha das etiquetas máis relevantes do que somos. E volvín, cunha ollada máis consciente, a ler a mulleres e reparei en todas as que deixara pasar por alto. Fun golpeada por Clarice Lispector, por Elfried Jelinek, por Herta Müller, por Virgina Woolf… Como era posible que non me dese de conta antes de que o corpo, a verdade política do corpo era un intrumento de coñecemento? Que importaba moito, moitísimo nomear, establecer unha tensión coa linguaxe dominante, iluminar os ángulos cegos da nosa experiencia, da experiencia da metade dos que viven. Recoñecerse, dar forma ao que era amorfo, ao que carecía de discurso, a nosa propia historia.
Agora leo mulleres, de feito son maioría nas miñas preferencias, deime de conta de que as voces emitidas por corpos que se me parecen resoan en min con máis verdade e de que, como di Luz Pichel, usar unha lingua de fronteira, escribir desde onde non hai regra, pero si corpo e diferenza é proceder tamén a reescribilo todo, e diferente. Mágoa de tanto tempo perdido! Adiante, escritoras do mundo! Toda a terra é das mulleres!