A UVigo participa en Madrid na Xornada Franco-Española sobre as universidades europeas

A vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, asiste este luns en Madrid á Xornada Franco-Española arredor da Universidades Europeas, unha xuntanza na que participan as institucións académicas que forman parte dunha alianza de European Universities, como é o caso da UVigo, socia de ATHENA. 

O evento, que se celebra ao longo de toda a xornada no Institut Français de Madrid, reúne actores universitarios das 25 alianzas europeas que asocian centros de educación superior franceses e españois, así como actores institucionais e políticos, como o ministro de Universidades, Joan Subirats, que no acto de apertura salientou a importancia de ampliar este tipo de alianzas con universidades de África e América Latina. O ministro tamén recalcou a relevancia dos sistemas de mobilidade para a captación de talento, das microcredenciais e dos programas de doutoramento industriais e a súa promoción a nivel internacional.

O obxectivo desta xornada é, como explica a vicerreitora, “compartir boas prácticas e experiencias, identificar os obstáculos atopados e reflexionar sobre as ferramentas para superalos, así como fomentar novas colaboración”. Ademais, trátase dun evento de especial relevancia que se desenvolve a só catro meses do Foro das Universidades Europeas que se celebrará en Barcelona, no marco da Presidencia Española do Consello da Unión Europea. Del Pozo participa na xuntanza en representación da UVigo como socia de ATHENA xunto con outros dous membros da Université d’Orléans, outra das entidades que forman parte desta rede.

A xornada artellouse arredor de catro mesas redondas, en sesión plenaria, sobre catro temas: a internacionalización das universidades europeas cara África e América Latina a través das redes respectivas de Francia e España; a vertente de investigación das Alianzas Europeas; a titulación conxunta, o selo europeo e o sistema de acreditación e a comunicación externa e interna das Alianzas Europeas. 

ATHENA, nove socios de nove países

ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance) é un dos proxectos piloto de universidades europeas seleccionados pola Comisión Europea en 2020. O consorcio, coordinado polo Instituto Politécnico do Porto , está integrado por nove institucións doutos tantos países e céntrase na transformación dixital das sociedades e busca crear formacións internacionalizadas, abrir a mobilidade internacional ao maior número posible de estudantes, favorecer a execución de proxectos de investigación e de desenvolvemento colaborativos e abrir novas perspectivas europeas, non só aos máis de 160.000 estudantes e aos 15.000 traballadores e traballadoras da alianza, senón tamén ás comunidades locais e ás entidades socias.
 

Ler a noticia completa no DUVI