Arranca a actividade no Laboratorio de Linguaxe e Cognición, un “espazo único” para facer análise experimental das linguas

O reitor, Manuel Reigosa, insistiu en que este proxecto marca todo un fito no mundo das humanidades

Inauguración do laboratorio no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución

Tras chegar esta mesma semana a notificación oficial e definitiva da concesión por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dunha axuda de 300.000 euros, este xoves inaugurouse na Facultade de Filoloxía e Tradución o Laboratorio de Linguaxe e Cognición, Lang & Co. Lab, unhas instalacións pioneiras que situarán a Vigo como referente europeo “na análise experimental da lingua e a fala en xeral, e das linguas e as falas, en particular”, tal e como subliñaron os seus directores, os profesores Rosalía Rodríguez Vázquez e Miguel Cuevas, investigadores do grupo de investigación LVTC (Language Variation and Textual Categorisation). Xunto a eles participaron na inauguración o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o decano da facultade, Luis Alonso, que se amosaron “tremendamente satisfeitos” polo éxito acadado por este proxecto na convocatoria do ministerio, algo que, reiteraron, “marcará un antes e un despois no mundo das humanidades”.