Filoloxía e Tradución celebra o Día do Libro pondo en valor as novas autoras e autores en galego

Na semana na que se celebra o Día do Libro as actividades culturais rebolen en cada recuncho da Facultade de Filoloxía e Tradución. Na véspera desta data, o 23 de abril, o centro acolleu toda unha serie de actividades que trouxeron ata o campus a algún dos novos valores que agroman nas letras galegas:  Tamara Andrés, Lara Dopazo, Jorge Rodríguez Durán e Valentina Marta Rodríguez.

“A Facultade de Filoloxía e Tradución como referente no campo das Humanidades non podía permanecer allea a esta celebración. Por iso, profesorado de diferentes departamentos da facultade unímonos para preparar esta xornada”, explica a docente María Méndez, coordinadora do evento xunto con Valentina Marta Rodríguez e Alberto Álvarez Lugrís. A intención, tal e como explican, era tripla: formar o alumnado da Facultade e da Universidade en temas relacionados coa escrita literaria e a súa tradución; fomentar a súa creatividade e técnicas para apoiar a quen queira dedicarse a escrita literaria e, por último, acercar á Universidade e á sociedade autoras e autores de Galicia que teñen publicado recentemente obras en galego.   

Conversa directa cos novos valores da literatura galega

A celebración estendeuse ao longo de toda a mañá. A primeira conferencia correu a cargo da escritora e tradutora Tamara Andrés, egresada da facultade -graduada en Tradución e Interpretación- e membro do grupo de investigación Bitraga (BiFeGa) da UVigo, quen centrou a súa intervención nas principais dificultades que afrontan as persoas que se dedican á tradución literaria.

A continuación, levouse a cabo un obradoiro de escrita creativa da man de Lara Dopazo, quen tras publicar en Galicia distintas obras e ganar múltiples premios literarios (Certame de Poesía Francisco Añón, Premio Literario Nortear, Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño…) viaxou a Estados Unidos para estudar alí o prestixioso máster de escritura creativa da Universidade de Iowa, converténdose así, “case seguro”, na primeira autora en lingua galega en cursalo. Con ela as e os participantes puideron aprender, reflexionar e practicar acerca de todo o proceso que supón a escrita literaria.

O acto completouse cunha mesa redonda na que se uniron a Tamara Andrés e Lara Dopazo, o escritor Jorge Rodríguez Durán e a docente e tamén poeta Valentina Marta Rodríguez. Xuntos debateron sobre o proceso de escrita, os procesos de inspiración, a elección dos temas, etc.

Novas actividades mañá mércores da man da Cátedra Saramago

Tras esta intensa xornada, as actividades continuarán mañá mércores da man da Cátedra Internacional José Saramago. Pola mañá, ás 12.00 horas, presentarase na sala de xuntas da facultade o libro Beyond Sentidiño. New Diasporic Reflections on Galician Culture (Routledge, 2023), no que se aborda a literatura, as linguas e a cultura galega desde diversas perspectivas das humanidades e as ciencias sociais. Na sesión, que tamén se pode seguir en liña a través de Campus Remoto (acceso estudantado: UAdqrn7W), participarán os editores Daniel Amarelo e Laura Lesta García (esta última de forma virtual), quen guiarán o público a través dos 14 traballos que conforman a obra. 

Será un primeiro petisco do seminario que arranca no centro esa mesma tarde e que se prolongará ata o venres 25. Baixo o título Falar coas rochas. Introdución á vitalidade da materia nas poéticas galegas contemporáneas, o encontro busca examinar e comentar algunhas das obras publicadas nos últimos anos no panorama poético galego à luz da perspetiva do chamado “novo xiro materialista” (nova viragem materialista).

Conducido por Rodrigo Herrera Alfaya, investigador da CJS-UVigo e contratado predoutoral da Xunta de Galicia no Departamento de Filoloxía Galega, o seminario poderá seguirse tamén en liña cos mesmos datos de acceso que a presentación do libro.

Ler a noticia completa no DUVI