A política de calidade da FFT concede especial importancia á satisfacción de estudantado, profesorado e persoal de administración como integrantes fundamentais do centro. Nese sentido, a nova política de calidade diríxese principalmente a acadar o cumprimento das expectativas formativas das súas persoas tituladas e o seu recoñecemento nos ámbitos académicos, profesionais e sociais. Tamén busca satisfacer as demandas do profesorado no que respecta á xestión eficaz dos procedementos vinculados coa calidade.
Para iso existe o compromiso de empregar todos os recursos humanos e materiais dispoñibles dentro do cumprimento da normativa vixente e en coherencia cos criterios e coas directrices establecidas. Así establécense as seguintes liñas xerais que constitúen a política de calidade do centro:
- Manter unha oferta formativa axustada ás demandas, necesidades e expectativas da sociedade, para consolidar altos niveis de calidade nas súas titulacións, sen renunciar aos fundamentos académicos da universidade baseados no desenvolvemento do coñecemento, do espírito crítico, da capacidade de análise e de reflexión.
- Mediar eficazmente entre os grupos de interese do centro, especialmente entre estudantado e profesorado, co fin de mellorar a docencia e de acadar a satisfacción por parte de ambos grupos.
- Alcanzar a consecución das metas de calidade establecidas anualmente polo centro e asociadas a indicadores académicos.
- Facilitar a xestión dos procedementos de calidade e a formación continua en materia de calidade do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e do estudantado.
- Asegurar a implantación, desenvolvemento e seguimento tanto do sistema de garantía de calidade (SGC) como de todos os procesos vinculados coa calidade que afectan ao centro e ás súas titulacións.
- Asegurar unha docencia, investigación, xestión e transferencia do coñecemento con perspectiva de xénero para aliminar os obstáculos que impiden unha igualdade real entre as mulleres e os homes.
- Asegurar unha docencia, investigación, xestión e transferencia de coñecemento que teña en conta a diversidade funcional para eliminar os obstáculos que impiden unha igualdade real ás persoas con necesidades especiais.
- Acadar un compromiso permanente de mellora continua, e propoñer e levar a cabo as accións necesarias para o mantemento e mellora da calidade no centro.