“A experiencia Eramus é algo que non podes rexeitar”, asegura desde Dinamarca Nerea Rodríguez Otero. A estudante viguesa de 3º curso do Grao en Educación Primaria na Facultade de Educación e Traballo Social no campus de Ourense, decidiuse a cursar parte da súa titulación no UCL Erhvervsakademi og Professionshøjskole de Odense, porque “ao estudar Educación, interesábame comparar e explorar o sistema dun país nórdico, pois teñen fama de ser moi eficaces e eficientes”, asegura. Nerea Rodríguez é unha das 491 alumnas e alumnos da UVigo que este curso 2022-2023 están estudar a totalidade do curso, ou un cuadrimestre, no estranxeiro ao abeiro dalgún dos programas de mobilidade que oferta a UVigo ao seu estudantado.
No caso da pontevedresa Saray Freijeiro Arca, o que a impulsou a marchar á Haute École Bruxelles-Brabant (Bruxelas, Bélxica) foi o idioma, “o francés, e porque é un lugar próximo a moitos outros lugares de interese para min”, explica a estudante de Educación Infantil do campus de Pontevedra. Ao igual que Nerea, Saray tamén considera que “é unha experiencia que hai que vivir algunha vez na vida. Saes da zona de confort e, acabe gustándoche ou non, polo menos sabes se é algo feito para ti e non quedas coa dúbida”. Mellorar o seu francés, tamén é a razón que levou a Estela Durán Pereira, estudante de segundo curso do grao en Tradución e interpretación francés-español do campus de Vigo a solicitar unha bolsa para estudar na zona francófona de Canada. Na cidade de Moncton, situada no sureste do país, na provincia de Novo Brunswick, Estela asegura que experiencia está a ser “sen dúbida incrible. Empápaste da cultura do país, viaxas e mellora o idioma dun xeito moi doado. A nivel persoal creo que implica tamén unha maior autonomía e flexibilidade en todos os sentidos”, asegura a estudante da UVigo, que non agocha ”o carísimo que é vivir aquí, porque o nivel de vida é moi alto”. Estela é precisamente unha das 17 alumnas e alumnos da UVigo que este curso se atopan nun país estranxeiro ao abeiro de convenios bilaterais, aos que se suman, ata acadar os 491 totais, os 438 do programa Erasmus +103; 17 Eramus Prácticas; 7 ISEP; un G4; 3 de libre mobilidade e outros 8 estudantes que se acolleron a outras modalidades.