A comunidade universitaria recibiu este venres a triste noticia do falecemento do catedrático de latín xubilado Celso Rodríguez Fernández, coñecido por todas e todos como don Celso, falecido onte xoves, con 89 anos, despois dunha longa enfermidade.
Tal e como lembran os seus compañeiros e compañeiras do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, don Celso foi catedrático de latín na Universidade de Vigo, nunha “longuísima vida docente universitaria”, que encetou en 1966 en Salamanca, continuou en Compostela e terminou en Vigo no ano 2010. Pero cando don Celso iniciou a súa carreira como latinista, levaba xa realizado un notable labor como teólogo, área en que se doutorara en 1961 na Universidade Gregoriana de Roma. “Esta dupla formación, como teólogo e como filólogo, cimentaba a súa autoridade como experto en latín medieval e en historia da liturxia”, lembran desde o departamento, ao tempo que recordan que a el se lle debe a publicación de obras como o Antifonario Visigótico de León, a Paixón de San Pelaxio ou a Paixón de Santa Columba do Códice Pasional da Catedral de Tui.