“Hai unha cita que di que a historia comeza onde acaba a memoria da última xeración viva, e Ian Gibson é aí onde traballa, nun lugar onde conflúen os mitos, as lendas, a memoria da xente que vai entrevistando, que son memorias mediatizadas polo seus recordos, son historias con minúscula, individuais e subxectivas, e Ian ten, ou autoimponse, a tarefa de convertelas en historias con maiúscula”. Neste razoamento sustenta Pablo Romero a decisión de titular Donde acaba la memoria o seu documental, no que de Las Hurdes a Granada, pasando pola Residencia de Estudantes, reconstrúe medio século de traballo do hispanista e biógrafo irlandés Ian Gibson.
A película, que abrirá o 2 de setembro o Festival de Cans, e ao día seguinte se proxectará no Cine Salesianos de Vigo, seguida en ambos casos dun coloquio con Gibson e Romero, é a culminación de nove anos de traballo, que ten o seu inicio no festival de cine español de Londres, onde o docente e investigador da UVigo exercía como intérprete para directores e actores. Na capital británica, Romero coñeceu ao director Mike Dibb, amigo de Gibson, e autor de varios documentais sobre traballos do hispanista centrados en Lorca e Dalí. “Nese momento Dibb, estaba intentando conseguir financiamento para o documental de Buñuel e pechar así triloxía. Mike fora ao festival para atopar a Pedro Almodovar e pedirlle cartos. Pero non estaba Almodovar e atopoume a min”, rememora Romero, que acabou por sumarse ao proxecto por invitación de Dibb, primeiro como montador e posteriormente como director.