ILSA: Interlingual Live Subtitling for Access dá nome a un proxecto europeo, de tres anos de duración (setembro de 2017 a agosto de 2020), liderado polo grupo de investigación GALMA da Universidade de Vigo e no que participaron cinco socios de tres países europeos (Universidade de Amberes e VRT, Bélxica; Universidade de Varsovia e INTRO PR, Polonia; e Universidade de Viena, Austria). Financiado con preto de 250.000 euros procedentes do programa Erasmus+ da Unión Europea, ILSA tiña como un dos seus principais obxectivos crear o primeiro curso de interpretación simultánea de voz a texto/subtitulado interlingüístico en directo. Non obstante, o cometido de ILSA ía máis alá dun curso de formación, pois tentaba contribuír ao desenvolvemento dunha nova profesión, a do refalador interlingüístico, e dun novo xeito de comunicación en directo entre idiomas que sexa máis accesible, alén de ofrecer igualmente unha serie de guías e directrices sobre como establecer ou pór en práctica o refalado interlingüístico na televisión, en ámbitos educativos e actos públicos. Os resultados do proxecto, que acaba de rematar, están dispoñibles na súa páxina web.
Nela encontrará, entre outros, os seguintes recursos:
- Un vídeo introdutorio sobre o proxecto, no que se inclúe unha pequena mostra de interpretación simultánea de voz a texto/subtitulado interlingüístico en directo.
- Unha enquisa sobre o subtitulado (intra e interlingüístico) en directo no mundo. Poden consultarse os datos no informe final, así como tamén neste artigo ou nestoutro.
- Algúns dos primeiros experimentos comparando o traballo de subtituladores e de intérpretes na interpretación simultánea de voz a texto/subtitulado interlingüístico en directo. Os datos están dispoñibles no informe final, nunha tese de doutoramento e tamén se publicaron nun artigo.
- A definición do perfil e das competencias do subtitulador interlingüístico en directo, que poden consultarse tanto no informe final como neste artigo.
- O curso de interpretación simultánea de voz a texto/subtitulado interlingüístico en directo creado no marco do proxecto ILSA. Pode ver un vídeo sobre o curso aquí e a través deste enlace pode acceder aos materiais así como ao propio curso.
- A canle de YouTube do proxecto, que contén máis de 100 vídeos sobre interpretación simultánea de voz a texto/subtitulado interlingüístico en directo, producidos especificamente para o curso.
- Os protocolos sobre como poñer en práctica o subtitulado (intra e interlingüístico) en directo na televisión, en eventos en directo e mais en contextos educativos. Están dispoñibles en inglés, español, alemán, polaco e neerlandés.