O embaixador de Irlanda en España constata na UVigo a fortaleza dos estudos irlandeses e da investigación mariña

Dous meses despois a súa toma de posesión, o pasado mes de setembro, o embaixador de Irlanda en España, Frank Smyth, visitou hoxe a Facultade de Filoloxía e Tradución e a Estación de Ciencias Mariñas da UVigo, onde da man dos seus responsables coñeceu o traballo que en cadanseu centro se está a desenvolver no ámbito dos Estudos Irlandeses e da investigación mariña, respectivamente. No marco dunha visita institucional que estes días está a realizar a Galicia, Frank Smyth agradeceu esta mañá “a cálida benvida que estou a recibir. Teño ideas para estreitar os vínculos que mantemos, que é parte do noso traballo, ver como nos próximos anos podemos reforzar os contactos entre Galicia e Irlanda”.

Na súa visita á FFT, que ten a súa orixe nun contacto previo da súa antecesora no cargo a raíz da celebración no centro do Congreso Internacional da Asociación Española de Estudios Irlandeses, o embaixador reuniuse coa vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama; o decano e a vicedecana de Relacións Internacionais do centro, José Montero e Beatriz Rodríguez; a directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Dolores González; a docente e investigadora Teresa Caneda, así como cun grupo de estudantes de grao e doutoramento. No caso da Ecimat, o embaixador de Irlanda en España, que está acompañado nesta xira por Galicia pola conselleira da Embaixada, Paula Molloy, tivo ocasión de visitar as instalación da estación mariña acompañado polo seu director, José Manuel Estévez, e polo director do Centro de Investigacións Mariñas e director do Campus do Mar, Daniel Rey.

Ler a noticia completa no DUVI