Investigadoras e investigadores da FFT reivindican a presenza da cultura popular en lingua inglesa na academia

Co obxectivo de afondar na investigación da cultura popular en lingua inglesa a través de manifestacións artísticas concretas e que o alumnado de grao, mestrado e doutoramento compartise o seu traballo de investigación sobre esta temática, este mércores celébrase no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución a primeira edición do seminario Cultural Studies Reloaded: Analysing Popular Manifestations in English. Organizado polas docentes e investigadoras do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Adriana Taboada e Inmaculada Pérez, o seminario inclúe unha ducia de charlas, dúas delas conferencias plenarias e tres paneis, integrados por alumnado da UVigo e tamén da USC e da Universidad de Extremadura.

“A cultura popular forma parte das nosas vidas.Todos lemos literatura, vemos películas e series ou xogamos a videoxogos, e todos eles forman parte da nosa cultura, modificándoa e sendo modificada por ela”, explican Inmaculada Pérez e Adriana Taboada. Non obstante, e aínda que se ten progresado moito e os estudos culturais son unha disciplina consolidada no mundo anglosaxón, ambas as dúas docentes aseguran que seguen a existir prexuízos e a distinción entre alta e baixa cultura fai que moitas manifestacións artísticas populares queden sen estudar. “Con este seminario demostramos que a chamada cultura popular si ten cabida na academia, e que para entender verdadeiramente o mundo no que vivimos debemos prestar atención a ambas e as relacións entre elas”, sinalan Adriana Taboada e Inmaculada Pérez.

De Black Mirror, aos videoxogos pasando por Harry Potter

O seminario comezou cunha conferencia plenaria a cargo do docente e investigador Jorge Luis Bueno na que abordou cuestións como a distopía, o realismo e Shakespeare na serie Black Mirror. Pola súa banda, na outra conferencia plenario da xornada, o estudante do programa de Doutoramento en Estudos Ingleses Avanzados Ian Matthews afondou no rol da empatía entre creador e xogador á hora de construír o significado no mundo dos videoxogos.

Nos paneis, as estudantes da UVigo Clara García de la Peña, Sara Tabuyo e Teresa Cousillas achegan unha perspectiva de xénero abordando, respectivamente: o concepto da female gaze e o cambio que este introduciu na representación da realidade feminina nos medios e nas artes; o emprego de distintos aspectos da adaptación televisiva da novela The Handmaid´s Tale nas protestas polos dereitos das mulleres e as críticas suscitadas; e como a caracterización de dúas personaxes femininas moi recoñecidas na obra de Shakespeare Much Ado About Nothing afecta á súa recepción a día de hoxe.

No segundo dos paneis, Elena e Carlos Guerreira da USC ofrece unha aplicación pedagóxica do relato curto Out of Hand da escritora Jackie Kay e un estudo do proceso de autodescubrimento a través da lectura, comparando o caso dos personaxes principais das novelas Farenheit 451 e The Reader. Pola súa banda, Kulsoon Imdad (USC) emprega o ensaio On Fairy-stories de J.R.R. Tolkien como marco teórico para analizar a triloxía The Lord of the Rings.

“A xornada remata cun panel dedicado ás adaptacións de diferentes obras da cultura popular, na que Raúl Manuel Pérez explora o efecto que tiveron as controvertidas declaracións de J.K. Rowling nas redes sociais sobre os produtos da franquía de Harry Potter, poñendo o foco sobre o recentemente publicado Hogwarts Legacy”, detallan as organizadoras. Pola súa banda, Laura María Pereira (UVigo), María de los Ángeles Gil (Universidad de Extremadura) e Aslihan Yucel (USC) abordan, respectivamente, nos seus paneis: o impacto das plataformas streaming no consumo do cinema a través do estudo de caso da obra Matilda de Roald Dhal e as súas adaptacións fílmicas; a intertextualidade existente entre o filme My Own Private Idaho e varias obras de Shakespeare a través dunha achega aos estudos culturais e a teoría queer; e como o binomio espazo-tempo é unha parte fundamental da narrativa do filme Blade Runner, adaptación da novela de Philp K. Dick Do Androids Dream of Electric Ship?

 

Ler a noticia completa no DUVI