Na primavera, a Universidade de Vigo lanzou unha iniciativa pioneira en todo o panorama universitario español que ten por obxectivo recoñecer cun distintivo as escolas, facultades e centros de investigación máis igualitarias. Das 11 candidaturas recibidas, o xurado elixiu á Facultade de Filoloxía e Tradución para converterse no primeiro centro da UVigo en lucir esta distinción. Con este selo, a Universidade quere recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido. A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, traslada os parabéns de toda a institución académica á FFT “polo seu compromiso e promoción activa e permanente da igualdade” ao tempo que tamén recoñece “o gran labor do resto de facultades, escolas e centros que se presentaron a esta convocatoria polo seu esforzo en traballar en prol da igualdade”.
A publicación da resolución definitiva da concesión deste galardón esta semana coincide tamén co lanzamento dunha Guía de Boas Prácticas, un documento que nace da análise “das accións presentadas polos once centros que participaron na primeira convocatoria”, como explica Águeda Gómez. Deste xeito, engade, “todas as actividades, achegas e apostas serven así como un manual de como facer as cousas comprometéndose coa igualdade”. De feito, Gómez recalca que a avaliadora externa da primeira convocatoria, “unha persoa cunha moi ampla experiencia neste eido”, quedou “impactada” polo “compromiso indiscutible amosado por todas as escolas e facultades que presentaron a súa candidatura”.