De Londres ás Hurdes. Das Hurdes a Madrid, de alí a Granada e finalmente a Vigo pasando polo festival de Cans. A historia da película documental Donde acaba la memoria é a historia dunha viaxe xeográfica, temporal e persoal, a historia de Buñuel pero tamén a historia do hispanista Ian Gibson. A cinta, proxectada este venres no cine Salesianos, está dirixida polo profesor de Filoloxía e Tradución e investigador do grupo GALMA Pablo Romero e quere ser un espello a través do que coñecer a Gibson mentres el segue os pasos de Luis Buñuel e a súa película Tierra sin pan.
Así, o documental emprega as investigacións de Gibson sobre Buñuel como fío condutor, traslada ao espectador ás Hurdes, percorre as súas aldeas, pero pouco a pouco, Tierra sin pan e Buñuel deixan paso ao historiador irlandés como verdadeiro protagonista, amosándoo como un rescatador da memoria histórica e un estudoso de tres dos principais creadores españois de todos os tempos: Lorca, Dalí e o propio Buñuel. Donde acaba la memoria pecha, de feito, a triloxía de pezas audiovisuais froito de máis de 50 anos de investigacións.
Gibson recoñece que “pode que non houbese nin un só día da miña vida no que non pensase nos últimos momentos, as últimas horas, os últimos días de Federico García Lorca”. E esta afirmación coincide plenamente con como Romero define ao escritor irlandés tras nove anos traballando cóbado con cóbado: unha persoa “dedicadísima ao seu traballo, rigoroso e extremadamente traballador e produtivo e tamén moi obsesivo, que pode pasarse unha semana buscando unha dato que finalmente solo vai ser unha nota ao pé nun libro de 1000 páxinas”.