Coa conferencia inaugural Videojuegos, juegos serios y gamificación en la enseñanza de segundas lenguas a cargo do doutor en Tradución e Interpretación pola Universidade de Alacante José Ramón Calvo Ferrer arrancou esta mañá a I Conferencia internacional de investigación en linguas, CIIL 25. O congreso inaugural do Instituto de investigación Lingua da UVigo prolongarase ata este venres reunindo un destacado número de especialistas en dúas xornadas que se celebran co obxectivo de acadar sinerxías, dar a coñecer os traballos que se están a desenvolver e asentar as redes do iLingua.
O relatorio de Calvo Ferrer, que foi presentado polo docente e investigador da UVigo José Yuste Frías, comezou logo da inauguración da conferencia na que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, e o director de iLingua, Javier Pérez Guerra, e a secretaria e do Instituto e do comité organizador María Méndez, agradeceron a participación e expresaron o seu desexo de que as sesións de traballo sexan proveitosas para afondar no estudo das linguas.
Cun panel sobre perspectivas históricas comezou esta mañá a terceira edición do Coloquio Internacional en Estudos Literarios, que se prolongará ata mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución. Organizado polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios das Universidades de Vigo e da Coruña, o Grupo de Investigación BiFeGa e a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo e coordinado polo docente e investigador Burghard Baltrusch, director do grupo BiFeGa, no transcurso do encontro daranse a coñecer unha trintena de traballos desenvolvidos arredor de varios eixes temáticos: Literaturas en lingua española, galega e portuguesa; literaturas comparadas; estudos de tradución; estudos culturais; música; teatro; cinema; artes visuais; experimentalismo e estudos interartes, historia… “O seu obxectivo principal é favorecer o intercambio de coñecementos, metodoloxías e experiencias entre doutorandas e doutorandos do campo dos estudos literarios, ademais de fortalecer a cooperación científica e o diálogo interdisciplinar entre os grupos de investigación asociados”, sinala Burghard Baltrusch, que iniciou a súa intervención na inauguración do Coloquio facendo súa unha cita do escritor Manuel Rivas: “A literatura é a forma máis libre de respiración.”
Cunha importante presenza da comunidade investigadora de Brasil (Pernambuco, Río Grande do Sul, Estadual de Paraiba, Católica de São Paulo, Estadual do Oeste do Paraná, Federal de Uberlandia), que se completa con representantes das tres universidades galegas e de Portugal (Porto, Coimbra e Nova de Lisboa), o coloquio focalízase nas novas e novos investigadores, facilitando o intercambio de coñecementos e experiencias das mozas e mozos que se están a incorporar ao mundo da investigación no eido dos estudos literarios e culturais en Europa e en América.
A Semana Internacional das linguas, as literaturas e a tradución, que organiza un grupo de docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, botou a andar este mediodía no salón de actos do centro cunha mesa redonda titulada A literatura sen barreiras: lectura fácil, inclusión real? e a presentación da colección de Galaxia de literatura en linguaxe sinxela. O director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, o adaptador a LF, Jesús Meiriño e o validador, Alexander Rodríguez protagonizaron a mesa de debate, que foi moderada pola docente de investigadora Lourdes Lorenzo.
Os actos continuaron ás 13.00 horas co relatorio de M'bare N'gom, profesor da Morgan State University, titulado Crear noutra lingua: Literatura africana e tradución. Xa pola tarde, no edificio Cambón arrancarán os cursos de introdución á lingua e cultura lituanas e ao éuscaro, “dunhas seis horas para coñecer os rudimentos básicos como aprender a saudar, pedir nun restaurante, impartidos por profesoras que veñen especialmente de Lituania e Euskadi”, explica María Méndez, docente e investigadora do Departamento de Lingua Española da UVigo.
Que fai de Vigo unha cidade literaria? Cales son os seus lugares máis significativos? Que ligazóns se poden establecer nas súas rúas e prazas entre realidade e ficción? Estas son só algunhas das preguntas ás que se respondeu este martes na conversa Vigo, capital literaria, a actividade coa que a Facultade de Filoloxía e Tradución, “a casa das letras, das linguas e da tradución da UVigo”, deu a benvida o novo curso.
Para abordar esta particular conversa entre o presente e o pasado literario da cidade, contouse coa participación de dous convidados de excepción, os escritores Álex Alonso e Elena Gallego Abad, moderados pola profesora Iolanda Galanes, “alma mater” desta actividade, en palabras do decano do centro, José Montero Reguera, quen explicou que este acto de inicio de curso é secuencia doutras actividades organizadas pola FFT: Vigo, cidade de novela, con Ledicia Costas e Manuel Bragado, no 2022, e Vigo Noir: cidade ilustrada, con Mª Xosé Porteiro, Pedro Feijóo, Forcadela e Xaquín Núñez Sabarís, no 2023.
José Antonio Fernández Romero foi un dos grandes referentes nacionais en estudos nórdicos e un moi querido e lembrado docente de lingua española na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade da Vigo. Trala súa morte en 2011, o profesor legou boa parte da súa colección bibliográfica á institución académica, un patrimonio que agora se quere poñer en valor a través da exposición Última Tule. A mostra, que está xa está aberta na biblioteca da FTT, busca render homenaxe a este pioneiro dos estudos escandinavos en España e Premio Nacional de Tradución en 1996, que contaba tamén coa Cruz de Cabaleiro da Orde islandesa do Halcón.
O decano da FFT, José Montero Reguera, lembra que Fernández Romero era doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid e chegou a Islandia (terra á que Virxilio se refería como Tule) nos anos cincuenta do pasado século e converteuse no primeiro profesor de español da illa, ademais de ter sido fondo coñecedor doutras terras nórdicas como Suecia ou Finlandia. Cando regresou a Galicia incorporouse como profesor titular de lingua española ao Colexio Universitario de Vigo, xermolo da actual Universidade de Vigo, onde se xubilou como emérito. Un ano despois do seu pasamento, en 2012, a institución académica rendeulle unha merecida homenaxe poñéndolle o seu nome ao salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, centro que agora dá acubillo a parte do seu patrimonio bibliográfico tras un proceso de catalogación. “Hoxe ese legado –un cento de volumes directamente relacionados coa súa especialidade: escandinavística, tradución, linguas nórdicas– está xa incorporado á biblioteca da facultade que se converte, así, en posuidora dun magnífico fondo especializado ao dispor de estudantes, profesorado e comunidade universitaria”.
Na semana na que se celebra o Día do Libro as actividades culturais rebolen en cada recuncho da Facultade de Filoloxía e Tradución. Na véspera desta data, o 23 de abril, o centro acolleu toda unha serie de actividades que trouxeron ata o campus a algún dos novos valores que agroman nas letras galegas: Tamara Andrés, Lara Dopazo, Jorge Rodríguez Durán e Valentina Marta Rodríguez.
“A Facultade de Filoloxía e Tradución como referente no campo das Humanidades non podía permanecer allea a esta celebración. Por iso, profesorado de diferentes departamentos da facultade unímonos para preparar esta xornada”, explica a docente María Méndez, coordinadora do evento xunto con Valentina Marta Rodríguez e Alberto Álvarez Lugrís. A intención, tal e como explican, era tripla: formar o alumnado da Facultade e da Universidade en temas relacionados coa escrita literaria e a súa tradución; fomentar a súa creatividade e técnicas para apoiar a quen queira dedicarse a escrita literaria e, por último, acercar á Universidade e á sociedade autoras e autores de Galicia que teñen publicado recentemente obras en galego.
No marco das actividades relacionadas co 8M, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este xoves unha xornada sobre novas perspectivas feministas centrada no papel da muller galegofalante nas redes sociais. Esta iniciativa, impulsada por dúas estudantes de 4º curso do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, Sara Castro e Silvia Trabazos, tiña como obxectivo dar a coñecer o labor das mulleres no medio dixital. Para iso contaron coa creadora de contidos @todomalva gz coa que conversaron sobre os principais retos e dificultades que se atopa no desenvolvemento da súa tarefa creativa, tanto polo feito de ser muller como por escribir en galego.
O evento foi un éxito de público, coa participación de profesorado pero, sobre todo, de numeroso alumnado do centro, xa que se trataba dunha proposta pensada para o público máis novo e centrada nas redes sociais, “pois nestes días Twitter, Instagram e Tik Tok forman parte da nosa cotiandade”, explican as organizadoras. A modo de conversa, o público puido comprobar, a través da figura de Malva, que explicou, por exemplo, que “algúns comentarios en redes que en principio non parecen misóxinos fundaméntanse sobre a crenza de que vale máis o que fan os homes e constitúen, pois, unha depreciación da creación por parte das mulleres”.
Unha fotografía dunha recente montaxe do Centro Dramático Galego ilustra a portada de Teaching Shakespeare in Film and the Arts Today: Models, Methods, Materials, que, como asegura o seu editor, o docente e investigador da UVigo Jorge Luis Bueno, “reflicte simbolicamente a relevancia transcultural que ten Shakespeare”. Froito da súa experiencia dende hai máis dunha década nun seminario sobre o autor inglés e o cinema, Bueno presenta neste volume unha colección de capítulos que revisan enfoques pasados, presentes e futuros relacionados con Shakespeare no cinema co fin de rastrexar os modelos, métodos e materiais utilizados por docentes e estudosos á hora de abordar estas cuestións dentro e fóra da aula.
“Quería que o volume ofrecese ao lector exemplos prácticos do ensino da análise textual a través do cinema e as artes como estudos de caso metodolóxicos que puidesen ser adaptados por outros profesores ou desfrutados por lectores interesados no campo. Quería tamén que houbese multitude de puntos de vista polo que convidei a autores xa consagrados, a académicos nas súas primeiras etapas profesionais e a investigadores con doutoramentos en proceso. A multitude de perspectivas dálle gran valor ao volume e é quizais o que o distingue doutros libros semellantes”, asegura o coordinador do volume, recentemente editado por Cambridge Scholars Publishing.
Nunha sesión extraordinaria, e primeira do ano 2025, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este venres a relación de persoas distinguidas cos Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2023/2024. En total, 21 investigadores e investigadoras (13 homes e 8 mulleres) de todos os eidos de coñecemento.
No ámbito das humanidades foron galardoadas tres persoas: Iria Seijas Pérez, Jesús Meiriño Gómez e Antía Iglesias Fernández. No eido das ciencias son seis as e os premiados: Amaro Saco Beiroa, Antía González Pereira, Clara Otero Martínez, Pablo Hernández Lucas, Carlos Rafael Vidal e Manuel Alejandro González Fernández. No campo da enxeñaría os cinco galardóns son para Laura Alonso Martínez, Iván Martínez Estévez, David Candal Ventureira, Manuel Casal Guisande e Brais Barros González. Finalmente, no que atinxe ao eido xurídico-social, os premios son para Evelia Murcia Álvarez, Nuno André Pinto de Sousa, Dolores Fiel Varela, Marta González González, Lucas López Manuel, Hugo Pérez Manuel e Andrés Carrera Hortas.