O proxecto de investigación InTruths2, coordinado pola profesora da Universidade de Vigo Teresa Caneda, analiza as articulacións de vulnerabilidades individuais e comunitarias na literatura irlandesa contemporánea. A idea de centrarse nesta temática xurdiu das conclusións dun proxecto previo, Truths, sobre os silencios e as verdades incómodas que se agochan da cultura e a sociedade irlandesa. Aquel equipo, tamén coordinado por Caneda, concluíu que as narrativas investigadas “poñen de manifesto a existencia de formas individuais e comunitarias de vulnerabilidade e tamén manifestan un desexo crucial de «falar» co fin de curar as feridas tanto dos cidadáns a nivel particular como da sociedade como conxunto”.
Aí é onde arrancou en 2021 inTRUTHS2, que como explica Caneda, vai máis aló dos significados polarizados da vulnerabilidade “nun intento de abordar as súas manifestacións multifacéticas na rica escena cultural da escritura irlandesa contemporánea, e especificamente pandémica e pospandémica”. Agora, tras anos de traballo, o proxecto encara a súa recta final (remata a finais deste curso) celebrando esta semana na Universidade de Galway o seu derradeiro seminario científico. Nesta cita, “exemplo da proxección internacional da investigación que se orixina na UVigo”, especialistas de diferentes países abordaron a interdependencia e a vulnerabilidade na cultura irlandesa actual.
Mañá venres comeza a funcionar a maquinaria da terceira edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos. Estes galardóns, impulsados pola Universidade de Vigo e o grupo Tradución & Paratradución (T&P), buscan visibilizar a importancia deste eido da industria do videoxogo e premiar o traballo dos profesionais que fan posible que este produtos dixitais cheguen a máis públicos, en máis idiomas e de maneira máis accesible.
Os galardóns forman parte das actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), recoñecido como Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia e Máster Europeo en Tradución (EMT) da Dirección Xeral de Tradución da Unión Europea. Esta terceira edición, que comprende oito categorías, busca destacar o esforzo e a dedicación das persoas que fan posible que “os videoxogos traspasen fronteiras lingüísticas e culturais”, como destacan os seus organizadores, os profesores Óscar Ferreiro, José Yuste e Ramón Méndez.
O ano pasado a Vicerreitoría de Internacionalización e o Centro de Linguas puxeron en marcha un programa de Tándem Lingüístico, unha iniciativa pioneira na Universidade de Vigo que tiña por obxectivo poñer en contacto a persoas que falan diferentes linguas con membros da comunidade universitaria que queiran coñecer algún destes idiomas e ao tempo practicar con elas español ou galego. Como explica Óscar Ferreiro, director de Área de Plurilingüismo, a acollida foi moi boa, “tivo moitísimo éxito e é unha riqueza que temos que aproveitar”. Participaron 127 membros da comunidade universitaria, tanto PAS como profesorado pero, sobre todo, alumnado, e entre todos ofreceron máis dunha vintena de idiomas “como o francés, o alemán, o italiano ou o swahili así como outros menos coñecidos”.
Tras o bo recibimento que tiveron os tándems na primeira edición, o programa regresa neste novo curso e ofrece unha trintena de linguas, dende algunhas ben habituais como alemán, árabe, chinés, español, italiano, francés, galego, polaco, portugués, neerlandés, romanés, turco, húngaro ou inglés, a outras menos coñecidos como hindi, filipino, islandés, indonesio, ruso, xabanés, farsi, coreano, malaio, marathi, hebreo, crioulo, yoruba, urdu, tagalo ou hokkien. Para facer posible unha oferta de idiomas tan ampla, un dos eixos fundamentais do programa é o alumnado estranxeiro que se atopa na Universidade de Vigo cun programa de mobilidade. Elas e eles son os que achegan boa parte da diversidade de linguas que fan posible o Tándem Lingüístico.
A primeira edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT-2024_UVigo_T&P, vai camiño de converterse nun éxito e, a dúas semanas da súa celebración, a organización ten xa confirmados arredor de 240 participantes. A cita, que terá lugar entre os días 20 e 22 deste mes, tanto en modalidade presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución como en formato virtual, ten como finalidade promover o diálogo entre o uso das linguas e das novas tecnoloxías dixitais con achegas e debates científicos nas cinco linguas do congreso: español, galego, francés, inglés e portugués.
Os profesores Óscar Ferreiro, José Yuste, Emmanuel Bourgoin e Ramón Méndez, membros do Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P), son os encargados da organización deste evento, e amósanse “moi satisfeitos” pola acollida e pola participación, “que está a ter un éxito notable a nivel internacional”. De feito, contan con persoas inscritas de todo o estado Español e doutros 15 países, como Italia, Francia, Alemaña, Marrocos, Arabia Saudí, Rusia, Portugal, China, Xapón, Nixeria ou EEUU, entre outros. En total, presentaranse 80 comunicacións, cun total de 101 relatores, ao que hai que sumar tres conferenciantes plenarios, arredor de 110 asistentes e 28 participantes nos seis obradoiros complementarios ao congreso.
O congreso El Ojo de Polisemo é un encontro de carácter bienal e itinerante que naceu en 2009 para salvar a fenda que adoita existir entre o mundo universitario e o mundo da tradución profesional. Por primeira vez na súa historia, este ano o simposio recala no noroeste de península, e faino precisamente en Vigo, organizado pola Asociación ACE Traductores en colaboración co Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. O congreso, que busca proporcionar aos asistentes unha panorámica dos procesos que implica a tradución editorial dende o punto de vista de tradutores profesionais, arrancou hoxe xoves e continuará mañá venres, coa asistencia de máis de 100 persoas, entre estudantes, docentes e profesionais deste sector.
Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística, foi a encargada de darlles a benvida aos participantes e agradeceu a todas as partes implicadas na organización por deseñar un programa que comprende “conferencias plenarias de primeiro nivel e unha serie de encontros con tradutores que agardamos que sirvan como punto de conexión entre profesionais, estudantes, docentes, ilustradores, editores… e todo aquilo que rodea a industria do libro”. No acto de apertura, tamén interveu Itziar Hernández, representante da Universidad Complutense de Madrid, entidade organizadora da anterior edición, que puxo o foco na importancia de celebrar esta nova cita dedicada “ás linguas pequenas” nun lugar bilingüe como Vigo “ou como Viggo Mortensen, un danés que fala galego”, comentaba a modo de brincadeira. Neste sentido, Marta Sánchez-Nieves, presidenta de ACE Traductores, lembraba que o tema elixido este ano, Tradución e multilingüismo. Toda literatura es grande en tradución, vén precisamente “polo contexto xeográfico, por estar en Galicia, pero tamén porque na asociación nos embarcamos nun proxecto, Arquipélagos, no que se busca dar voz á diversidade literaria europea, a esas linguas coas que se traballa menos” apostando por un contexto lingüístico e literario “máis rico”. Tamén a concelleira Yolanda Aguiar, que deu a benvida aos asistentes en nome do alcalde, cualificou como “moi simbólico” o feito de ter escollido Galicia e Vigo para falar “de linguas minoritarias e minorizadas”.
O programa de eventos para conmemorar o Día Internacional da Muller no campus de Vigo arrancou hoxe mércores cunha xornada sobre as mulleres nas artes escénicas. Celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución baixo o título As mulleres á escena: reflexións e experiencias desde unha perspectiva feminista, reuniu ás actrices galegas Patricia de Lorenzo e Arantza Villar. Nunha conversa sobre as súas experiencias e reflexións arredor da posición das mulleres no teatro, desde unha perspectiva feminista, fixeron fincapé na importancia “da prevención e da educación” como elementos “fundamentais” porque rachar “esa estrutura patriarcal que temos”.
O alumnado e profesorado asistente a esta conversa puido coñecer de primeira man, por exemplo, que a artes escénicas galegas son pioneiras a nivel estatal, ao seren as primeiras en dotarse dun protocolo sectorial contra o acoso por razón de sexo, xénero ou orientación sexual que abrangue a todos os traballadores e traballadoras implicadas nunha produción, dende o persoal técnico, de elenco, músicos, etc. “Entre todos construímos un documento, de carácter preventivo, que nos permite visualizar os comentarios, comportamentos ou actitudes machistas e nos axuda a saber como debemos relacionarnos nunha produción escénica”, explicaban. Ambas recoñecían que, se ben é certo que “nas artes escénicas pode haber unha certa sensibilidade por estas cuestións”, existía unha carencia evidente deste tipo de protocolos que axudan a “describir o que é un comportamento adecuado”. Neste sentido, as dúas actrices tamén reflexionaron sobre a necesidade de estender o protocolo das artes escénicas ao eido audiovisual, xa que deste sector proceden principalmente as queixas por discriminación, acoso ou comportamentos indebidos. “É unha ferramenta fundamental, polo labor de prevención, pero tamén porque externaliza a persoa que vai recibir a queixa, algo moi importante nun sector no que as empresas están moi atomizadas e nas que nos coñecemos todos”.
Este xoves e venres o campus de Vigo converterase no epicentro da tradución e o multilingüismo coa celebración da XIV edición do congreso El Ojo de Polisemo. Este evento, organizado entre a Asociación ACE Traductores e o Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, presentouse este martes no Concello de Vigo da man da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e membro do comité organizador, Liliana Valado, e da concelleira de Política Social e Turismo, Yolanda Aguiar. Como explicaba esta última, o obxectivo do evento é poñer en contacto á comunidade universitaria coa parte profesional da tradución literaria e para iso contan co apoio de Cedro e do Concello de Vigo. O evento, que se celebra cada dous anos nunha cidade, ten nesta ocasión como lema Tradución e Multilingüismo. Toda literatura é grande en tradución e centrarase “nas literaturas e combinacións lingüísticas menos habituais, pero necesarias”. Ademais, como en anos anteriores, as persoas asistentes tamén poderán afondar noutras temáticas “como os inicios profesionais, os dereitos de autoría e as relacións entre as diferentes profesións do libro”.
Como explicaba na rolda de prensa a profesora Valado, este é “un congreso, en modo simposio, de tradución, en concreto de tradución de libros, o que nós denominamos tradución editorial”. Con programa “bastante nutrido”, a organización busca expor, sobre todo, “esa visión profesional da tradución de libros en conxunto coa docencia universitaria de tradución. A idea é conxugar esas dúas facetas, a profesional e a académica e científica neste encontro, dirixido sobre todo a alumnado e profesorado da facultade e ao público en xeral”. No congreso participarán destacadas figuras da tradución, como a tradutora e profesora da Universidade de Vigo Helena Cortés, que será a encargada da conferencia inaugural, na que falará sobre El Diván de Oriente y Occidente, de Goethe, por cuxa tradución obtivo o Premio Nacional de Tradución en 2021. Outro importante profesional que participará neste evento é Alberto Avendaño, xornalista, tradutor e académico correspondente da Academia Norteamericana de la Lengua Española, que intervirá na mañá do venres.
Xa está aberto o prazo para a presentación de propostas aos Premios de poesía, relato curto e tradución para o ano 2024, unha nova chamada da institución académica viguesa á creativa literaria en galego de todos os membros da comunidade universitaria. Repartiranse en total 3600 euros, un primeiro premio de 700 euros en cada categoría e dous accésits de 250€ cada un.
O obxectivo destes galardóns, convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, é distinguir as mellores poesías, relatos curtos traducións escritos en lingua galega, sempre de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia da Lingua e o Instituto da Lingua Galega.
Miguel de Cervantes: más allá de la obra maestra é o significativo epígrafe do último número do Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo, unha obra que se presentará o vindeiro luns en Vigo nun acto que contará coa participación de recoñecidos especialistas neste autor, entre eles, o catedrático da Universidade de Vigo José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e a catedrática da Universidade da Sorbonne, María Zerari, os dous coordinadores deste volume. Será no edificio Redeiras o vindeiro luns ás 19.00 horas, nun acto aberto ao público no que Montero e Zerari estarán acompañados por Fernando Romo, profesor de Teoría da Literatura da Universidade de Vigo; Raquel Gutiérrez, profesora da Universidad de Cantabria e directora do Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo, e Borja Rodríguez Gutiérrez, presidente da Real Sociedad Menéndez Pelayo.
Nos cen anos de vida do Boletín de la Biblioteca de Menéndez Pelayo apareceron nas súas páxinas 80 traballos sobre Cervantes e as súas obras a cargo de ilustres cervantistas e este é o cuarto monográfico que a revista dedica ao insigne escritor, tras un volume de 1947 e os números monográficos coordinados por Germán Vega (2005) e por Germán Vega e o propio José Montero Reguera (2016). “Levo coordinados varios monográficos cervantinos (para o Instituto Cervantes, para Anales Cervantinos, para a Asociación de Cervantistas, para a Universidade de Alcalá de Henares, entre outros), pero os dous que preparei para o Boletín de la Biblioteca de Menendez Pelayo constitúen fitos importantes na miña xa non pequena traxectoria académica”, explica Montero, quen subliña que se trata dunha publicación centenaria (“cumpre os seus primeiros cen neste ano de 2024”) e, ademais, é a segunda máis antiga de entre as dedicadas os estudos literarios en España.