Ata finais desta semana (22 de xaneiro), nuns casos, e ata mediados da seguinte (26 de xaneiro), noutros, permanecerá aberto o prazo de inscrición nos cursos, que para o segundo cuadrimestre oferta o Centro de Linguas da UVigo. Alemán, inglés e español como lingua estranxeira (ELE) conforman a proposta do CdL para as persoas interesadas, sexan ou non da comunidade universitaria, que poderán realizar os cursos, que abranguen do nivel elemental A1 ao avanzado C2, dependendo do idioma, en formato semipresencial e virtual. “Estes cursos son unha continuación dos do primeiro cuadrimestre e inclúen exame de acreditación de nivel CertAcles ou o propio do CdL”, destacan desde o Centro de Linguas, ao tempo que lembran que, se as persoas interesadas non cursaron o primeiro cuadrimestres ou non teñen certificado do nivel anterior, ofréceselles unha proba de nivel virtual para determinar se posúen o nivel necesario para acceder ao curso, “garantindo así a homoxeneidade e nivel”.
Os cursos semipresenciais de alemán e inglés impartiranse entre finais do mes de xaneiro e principios do de maio nas escolas de enxeñaría Industrial e de Telecomunicación, mentres que os de español como lingua estranxeira serán presenciais e desenvolveranse na Facultade de Filoloxía e Tradución. “Estes cursos están destinado ao alumnado internacional que chega á UVigo para estudar materias en inglés ou materias english friendly, pero ao mesmo tempo precisa adquirir nocións de castelán e tamén para o alumnado que vén estudar materias en castelán pero precisa mellorar o seu nivel para empregar a lingua na redacción de traballos escritos, en presentacións orais de carácter académico, etc.”, explican desde o CdL.
Cruzando fronteiras lingüísticas: na procura da capacidade lingüística humana en África Occidental e América Central (Crossing language borders: A quest for the human language capacity in West Africa and Central America) é un proxecto financiado polo Dutch Research Council (NWO) con 776.162 euros, que ten o obxectivo de mellorar a comprensión dos aspectos estruturais, sociais, culturais e cognitivos da comunicación multilingüe en dúas localizacións pouco estudadas: Benín, en África Occidental, e Belice, en América Central. “Trátase de entender a fascinante habilidade humana de usar diferentes linguas nunha mesma conversa. Os multilingües poden incluso integrar elementos das súas linguas nun único enunciado. Esta práctica, coñecida como alternancia de código, tende a ser estigmatizada no contexto europeo, pero é común e favorecida noutras partes do mundo onde o multilingüismo é a norma”, explica a docente e investigadora do grupo LVTC (Languaje Variation and Textual Categorisation) da UVigo M. Carmen Parafita Couto, que xunto co investigador afiliado a LVTC, e orixinario de Belice, Osmer Balam, conforma a representación da Universidade de Vigo no proxecto Cruzando fronteiras lingüísticas: na procura da capacidade lingüística humana en África Occidental e América Central. “A nosa investigación céntrase en dous países, Benín e Belice, onde o uso de varias linguas na mesma conversa é a práctica comunicativa preferida. Utilizaremos unha combinación de metodoloxías para recoller diferentes tipos de datos: fala espontánea e elicitada, así como técnicas experimentais, como a pupilometría. Ao analizar os cambios na dilatación da pupila (un índice de esforzo atencional) poderemos determinar se a alternancia de linguas implica custos de procesamento lingüístico nestas comunidades onde esta práctica lingüística é o normal”, detalla Parafita Couto en relación co traballo de investigación que están a realizar.
“A experiencia Eramus é algo que non podes rexeitar”, asegura desde Dinamarca Nerea Rodríguez Otero. A estudante viguesa de 3º curso do Grao en Educación Primaria na Facultade de Educación e Traballo Social no campus de Ourense, decidiuse a cursar parte da súa titulación no UCL Erhvervsakademi og Professionshøjskole de Odense, porque “ao estudar Educación, interesábame comparar e explorar o sistema dun país nórdico, pois teñen fama de ser moi eficaces e eficientes”, asegura. Nerea Rodríguez é unha das 491 alumnas e alumnos da UVigo que este curso 2022/2023 están estudar a totalidade do curso, ou un cuadrimestre, no estranxeiro ao abeiro dalgún dos programas de mobilidade que oferta a UVigo ao seu estudantado.
No caso da pontevedresa Saray Freijeiro Arca, o que a impulsou a marchar á Haute École Bruxelles-Brabant (Bruxelas, Bélxica) foi o idioma, “o francés, e porque é un lugar próximo a moitos outros lugares de interese para min”, explica a estudante de Educación Infantil do campus de Pontevedra. Ao igual que Nerea, Saray tamén considera que “é unha experiencia que hai que vivir algunha vez na vida. Saes da zona de confort e, acabe gustándoche ou non, polo menos sabes se é algo feito para ti e non quedas coa dúbida”. Mellorar o seu francés, tamén é a razón que levou a Estela Durán Pereira, estudante de segundo curso do grao en Tradución e interpretación francés-español do campus de Vigo a solicitar unha bolsa para estudar na zona francófona de Canada. Na cidade de Moncton, situada no sureste do país, na provincia de Novo Brunswick, Estela asegura que experiencia está a ser “sen dúbida incrible. Empápaste da cultura do país, viaxas e mellora o idioma dun xeito moi doado. A nivel persoal creo que implica tamén unha maior autonomía e flexibilidade en todos os sentidos”, asegura a estudante da UVigo, que non agocha ”o carísimo que é vivir aquí, porque o nivel de vida é moi alto”. Estela é precisamente unha das 17 alumnas e alumnos da UVigo que este curso se atopan nun país estranxeiro ao abeiro de convenios bilaterais, aos que se suman, ata acadar os 491 totais, os 438 do programa Erasmus +103; 17 Eramus Prácticas; 7 ISEP; un G4; 3 de libre mobilidade e outros 8 estudantes que se acolleron a outras modalidades.
“O Ulises é unha novela que troca os heroes tradicionais por protagonistas profundamente vulnerables que existen nun mundo de precariedade social e persoal. Nunha novela que se centra nun día en Dublín en 1904, cabería esperar que os personaxes fosen os típicos dublineses ‘normais’ pero Joyce opta por caracterizalos a través de trazos físicos que revelan as súas orixes estranxeiras e polos seus comportamentos non normativos”, explica a docente e investigadora do grupo Netec da UVigo, Teresa Caneda, organizadora da conmemoración do centenario da obra de James Joyce, que este mediodía se celebrou na Facultade de Filoloxía e Tradución. Tras participar en congresos, homenaxes, conferencias e números especiais sobre os cen anos da publicación de Ulises, Caneda organizou este xoves a proxección do filme de Ruán Magan O Ulises de James Joyce: Cen anos dunha obra mestra, “un filme de carácter documental, no que participan algunhas das voces críticas máis autorizadas que tivemos a fortuna de recibir na FFT hai anos”, explica a investigadora principal dun proxecto de Estudos Irlandeses sobre a representación da vulnerabilidade na cultura contemporánea.
Na conversa posterior co público asistente á proxección, Caneda destacou que é moi típico referirse á novela de Joyce como unha obra que alterou o rumbo da literatura moderna “e que supuxo unha verdadeira revolución na traxectoria da literatura occidental do século XX porque sacudiu os fundamentos estéticos e formais da narrativa europea e tamén cuestionou os fundamentos morais do seu tempo”. Para a docente e investigadora da FFT a revolución que supuxo o Ulises e a súa influencia seguen vivas no só na nosa arte actual, “senón que as reflexións que as lectoras e lectores de hoxe poden extraer da novela teñen plena vixencia ante acontecementos de actualidade que recordan a propia actualidade do autor irlandés”. Neste sentido, Caneda lembra que, exiliado desde comezos de século en Trieste, Joyce veuse obrigado a fuxir coa súa familia cando estalou a I Guerra Mundial e tivo que buscar refuxio na cidade neutral de Zúrich, entre 1915-1920, onde pasou os anos de pandemia que azoutou Europa en 1918, escribindo unha grande parte do Ulises baixo a condición de cidadán desprazado como refuxiado de guerra.
Amosar as fortalezas e posibilidades da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo e servir de canle para a captación de alumnado, por medio de exemplos procedentes do propio centro, a través de egresadas e egresados con traxectorias laboralmente consolidadas e referentes na súa actividade profesional, son os obxectivos de Conversas coa nosa xente, o ciclo que nas últimas horas botaba a andar no edificio Redeiras. “Ademais, con estas conversas tamén queremos render unha homenaxe a un amigo, un compañeiro, o profesor Rifón Sánchez, falecido hai uns días e para quen a docencia e a relación co alumnado era a cerna da súa profesión”, destaca o decano da FFT, José Montero Reguera, que foi o encargado de conversar coa primeira das invitadas ao ciclo, Alexia Dotras Bravo. Profesora adxunta na Escola Superior de Educación do Instituto Politécnico de Bragança e responsable do departamento de Linguas Estrangeiras (Español e Inglés), Dotras é egresada da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega, e doutorouse en Literatura Española cunha tese sobre Cervantes. Logo de desenvolver a súa actividade profesional na escola de maxisterio de Vigo e no Centro de Literatura Portuguesa da Universidade de Coimbra, dende hai dez anos, Alexia Dotras traballa na Escola Superior de Educación do Instituto Politécnico de Bragança. “Sorprendeu tamén pola publicación dunha novela, Jugar al palacio de Rosa (2021), coa que obtivo un éxito inmediato e a editorial (Libros Indie) está preparando xa a terceira edición. Outro libro, Querido Peles y otros relatos (2022), aseguran este novo valor da literatura xurdida na cidade de Vigo”, explica Montero sobre a faceta literaria de egresada da FFT.
Desde a Facultade de Filoloxía e Tradución celebramos o Premio de Literatura en Lingua Castelá “Miguel de Cervantes” 2022, concedido ao poeta venezolano Rafael Cadenas (Barquisimeto, 1930). O xurado, presidido pola filóloga e académica Aurora Gloria Egido Martínez, valorou a súa “vasta e dilatada obra literaria”, que se inicia en 1946 con Cantos iniciales, continúa con Una isla (1958) e Cuadernos del destierro (1960), escritos no seu exilio na illa Trinidad pola súa militancia comunista durante a ditadura de Marcos Pérez Jiménez, seguiu con “Derrota” (1963), o máis famoso e icónico dos seus poemas, e outros poemarios reunidos en 2007 en Obra entera (Pre-Textos e Fondo de Cultura Económica), na que se incorporan tamén os seus numerosos ensaios sobre literatura, filosofía e pedagoxía. Despois desta obra compilatoria seguiu publicando outros títulos como En torno a Basho y otros poemas (Pre-Textos, 2016) ou Contestaciones (Visor, 2018). Libro, este último, de glosas breves e fragmentos de autores como Emily Dickinson, Pablo Neruda ou Miguel de Cervantes, no que explora a escritura aforística, por outra banda, constante e transversal en toda a súa obra, como sinala Darío Jamarillo Agudelo no Prólogo a Obra entera.
Poeta da desolación, da hostilidade á que nos somete a realidade, pero tamén da procura da autenticidade verbal (Seamos reales. / Quiero exactitudes aterradoras. / Tiemblo cuando creo que falsifico. Debo llevar en peso / mis palabras. Me poseen tanto como yo a ellas de “Ars Poética”, Intemperie, 1977) e da denuncia a calquera clausura impositiva das liberdades cívicas. Silencioso e retraído, ao dicir de quen o coñece, polémico nas súas manifestacións políticas ante o chavismo, sentenciaba nunha entrevista: “La poesía es todopoderosa e insignificante” (El País, 18-10-2014).
“Xeneroso”. “Eficaz”. “Humilde”. “Pragmático”. “Forte”. “Comprometido”. “Paciente”. “Retranqueiro”. “Conversador”. O salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución encheuse este mediodía cunha morea de adxectivos cos que as e os compañeiros de Antonio Rifón Sánchez lembraron o docente e investigador recentemente falecido. Por vez primeira na súa historia, o centro celebrou este xoves unha sesión extraordinaria da Xunta de Facultade en lembranza dun docente finado, que recibiu a cálida e sentida homenaxe de quen foron os seus e as súas compañeiras en labores docentes, investigadoras e administrativas, desde a súa chegada á Facultade en 1995. Na sesión, que contou coa presenza no salón de actos de familiares de Rifón, así como do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o decano da FFT, José Montero Reguera, lembrou “ao meu amigo, que para min segue vivo”, agradecéndolle terlle aprendido a falar galego e, especialmente, a palabra “conversa, con todos os matices que para el tiña, de falar pausadamente, no que un tema levaba a outro… Rimos e sufrimos coa vida académica e pasámolo moi ben”, lembrou Montero, que cualificou a Rifón de “irmán”. Precisamente, o decano da FFT aproveitou a ocasión para anunciar a celebración, a partir da semana que vén, dun ciclo de relatorios co título Conversas, no que a través de charlas entre egresados e egresadas e integrantes do centro, homenaxearase a Rifón, ao tempo que se pretende captar alumnado. “A Facultade é un pouco máis pequena, pero a vida segue. Así que, sigamos!”, rematou Montero.
As palabras do decano do centro pecharon un acto no que se sucederon as intervencións de compañeiras e compañeiros de Rifón ao longo dos 27 anos que impartiu docencia e investigou na FFT. Inmaculada Báez, directora do Departamento de Lingua Española, foi a primeira en tomar a palabra para lembrar ao seu compañeiro do despacho de enfronte, do que dixo, que botarán en falta a frase lapidaria coa que pechaba “as discusións acaloradas do departamento: ‘Isto é unha cuestión baladí’, así como a súa “retranca coruñesa”. Pola súa banda, José María García-Miguel, coordinador do Grupo de Investigación Gramática, Discurso e Sociedade (Grades), rememorou o seu primeiro encontro con Rifón cando ambos preparaban na USC as súas teses de doutoramento, así como a “súa implicación total” nos grupos que antecederon a Grades. “A súa gran paixón foi sempre a morfoloxía. Imaxínoo alá, nese paraíso de ficción onde van parar algúns lingüistas, non todos, pasando felizmente as tardes conversando con Jesús Pena sobre morfoloxía derivativa e de mil cousas máis. Discorrendo eternamente”, dixo García-Miguel.
“Antón (todos lle chamabamos así) é persoa moi querida, respectada e recoñecida no centro onde desenvolveu un traballo intenso, non sempre coñecido pois a discreción é unha das súas mellores calidades”. Nestes termos refírese o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, José Montero Reguera, a quen considera “un irmán”, o docente e investigador, titular de Lingua Española no centro, Antonio Rifón Sánchez (A Coruña, 1965), falecido nas últimas horas, por mor dunha enfermidade. A confirmación do pasamento de Rifón provocou fonda conmoción no PDI e PAS do centro, ao que chegou no ano 1995, logo de doutorarse na USC, baixo a dirección de Xesús Pena Seijas, cunha tese sobre a derivación do español, “que lle abriu o seu camiño investigador no eido da morfoloxía do español onde acabou sendo unha das referencias ineludibles”, sinala o decano da FFT.
Na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo dirixiu o Departamento de Lingua Española, investigador principal de varios proxectos, coordinador do grupo de investigacion GRADES e do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Rifón foi tamén “un dos almus pater do novo grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española”, explica Montero, que destaca que “o seu maxisterio queda reflectido na media ducia de teses que dirixiu, nas máis de vinte e cinco promocións de estudantes (Filoloxía Hispánica, Tradución e Interpretación, Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios) para os que a morfoloxía e a semántica non son palabras baleiras e nas súas achegas investigadoras (libros, artigos, capítulos de libros). É un académico moi completo que non agochou a cabeza cando tivo que coller responsabilidades de xestión, participando, ademais en múltiples comisións e en todas as encomendas que dende o decanato da Facultade lle foron asignadas, sempre con verdadeiro e exemplar sentido de servidor público”, detalla o decano do centro.
Cumieira das Letras. Así bautizou o Departamento de Filoloxía Galega e Latina o seu novo proxecto, unha revista de periodicidade anual coa que buscan dar a coñecer traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. “Cumieira das Letras Galegas, non leva este apelido no seu nome oficial, pero podería levalo porque ese é o motivo da súa propia existencia, as letras galegas”, tal e como explica o seu director, o profesor Alexandre Rodríguez Guerra. A nova publicación presentouse este xoves ao público na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde tamén se levou a cabo a presentación do libro Querida Liberdade, dedicado á memoria de Antolín Faraldo e escrito polo filólogo e egresado da Universidade de Vigo Xurxo Martínez González.
A nova revista vén a cubrir o baleiro que deixou a desaparición de publicacións como o Boletín Galego de Literatura ou o Anuario Galego de Literatura. “Xa non tiñamos revistas monográficas onde se publiquen investigacións e análises da nosa literatura”, explicou o profesor Xosé Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, na presentación da nova publicación. Ao seu carón compartiron mesa e ideas o director e a secretaria da revista, a profesora Ana Acuña, e o decano da facultade, José Montero. Todos coincidiron en subliñar o “esforzo e ilusión” dos integrantes deste departamento nun proxecto ao que se refiren como “aberto á cidadanía”.