O campus de Vigo converterase o vindeiro mes de marzo no epicentro da tradución e da literatura coa celebración da XIV edición do congreso El Ojo de Polisemo. A cita itinerante da Asociación ACE Traductores está organizada este ano polo Departamento de Tradución e Lingüística e pola Facultade de Filoloxía e Tradución e desenvolverase os días 7, 8 e 9 de marzo, co apoio de Cedro e do Concello de Vigo. Como explican dende o comité organizador, o lema elixido para esta edición é Tradución e Multilingüismo. Toda literatura é grande en tradución e centrarase “nas literaturas e combinacións lingüísticas menos habituais, pero necesarias”. Ademais, como en anos anteriores, as persoas asistentes tamén poderán afondar noutras temáticas “como os inicios profesionais, de dereitos de autoría e das relacións entre as diferentes profesións do libro”.
El Ojo de Polisemo é un simposio bienal que busca conectar o mundo académico co profesional, amosar os procesos da tradución editorial desde a perspectiva de profesionais da tradución e contribuír á formación de calquera persoa interesada neste sector. O seu carácter itinerante levouno xa a pasar por cidades como Madrid, Barcelona, Córdoba, Murcia, Salamanca, Donostia, Castelló, Granada, Alacante e Málaga, ata arribar agora por primeira vez a Vigo. En cada edición o obxectivo é proporcionar ás persoas asistentes unha panorámica dos procesos que implica a tradución editorial dende o punto de vista de profesionais da tradución e da interpretación, en moitos casos con formación nestas facultades e mesmo con docencia nelas.
A Universidade de Vigo deu a benvida este mércores ao alumnado estranxeiro que acaba de chegar aos campus de Vigo e Pontevedra para completar a súa formación durante o segundo cuadrimestre. En total, son 198 mozos e mozas de 32 países de Europa, América e Asia, que se suman aos 43 que chegaron en setembro pero elixiron a opción de quedarse durante o curso completo. Desde xeito, neste segundo cuadrimestre a UVigo contará nas súas aulas con 241 estudantes estranxeiros de programas de mobilidade que, sumados aos 228 que realizaron a súa estadía no primeiro cuadrimestre, deixa unha cifra global de 480 alumnos internacionais neste curso 2023/2024.
Os actos de benvida para as e os que acaban de chegar tiveron lugar hoxe en Vigo e en Pontevedra, e mañá será a quenda de Ourense. No campus de Vigo foron recibidos polo reitor, Manuel Reigosa, pola vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e polo decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, centro anfitrión do acto. O reitor amosouse “orgulloso e feliz de tervos aquí, de que nos escollerades”, e lembroulles que a pesar de ser unha universidade pequena “somos fortes en investigación e estamos entre as 600 mellores do mundo segundo o ránking de Shanghai de 2023”. Reigosa tamén fixo fincapé no papel de “faro” que as universidades deben desenvolver na procura dunha “sociedade mellor” e convidou o alumnado a involucrarse neste proceso para crear unha sociedade baseada no coñecemento, igualitaria e comprometida co desenvolvemento sostible. Finalmente, animounos a aproveitar a súa estadía en Galicia en todos os eidos e a tecer redes que poden ser importantes no seu futuro. “Agardamos que dentro de 20 ou 30 anos lembredes esta experiencia en Vigo como unha etapa chea de ledicia”. Tamén a vicerreitora Maribel del Pozo se dirixiu ao estudantado para desexarlles que teñan “unha boa experiencia”, tanto académica como persoal, que “axudará a convertervos en mellores cidadáns” e que “cando volvades ás vosas casas, o fagades cunha mente nova, porque a experiencia internacional cambiará as vosas vidas, así que gozade de cada momento e aprendede. Será un tesouro nos vosos corazóns”. Finalmente, o decano da FFT, José Montero, aproveitou tamén para lembrarlles, en inglés, español e galego, que esta é unha terra bilingüe e culturalmente rica, e animounos a aprender unhas nocións básicas da “lingua de Rosalía, de Curros e dos trobadores da ría”.
A Facultade de Filoloxía e Tradución recibiu esta semana a visita da célebre escritora irlandesa Evelyn Conlon, da man da investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá M. Teresa Caneda Cabrera. A autora participou nun evento encadrado dentro da investigación de Irish Studies at UVigo e tomou o formato de conversa, no inicio da cal a profesora Caneda explicou ao público asistente que Conlon pertence a unha xeración de mulleres, convertidas hoxe en referente, porque nas décadas de 1970 e 1980 se uniron para rexeitar as imposicións e o papel pasivo de símbolos, no contexto dunha cultura nacional ditaminada en gran maneira polas institucións do Estado e a Igrexa.
O fío condutor do evento foi o diálogo coa escritora a partir do volume Telling Truths: Evelyn Conlon and the Task of Writing, recentemente editado por Caneda e publicado na serie de estudos Reimagining Ireland da editorial Peter Lang International e reseñado na sección literaria do xornal The Irish Times como “unha magnífica publicación sobre unha importante autora irlandesa”. Segundo explicou Caneda, o libro aborda a obra Conlon como un exercicio ético constante no que escribir convértese na tarefa de “contar verdades”. Precisamente, Conlon explicou que comezou a escribir porque nos círculos literarios da súa época había moitos silencios por romper e moitas voces ausentes e “a literatura non pode ser algo estático. “As persoas que nos dedicamos á tarefa de escribir ficción, sacamos á luz verdades que moitas veces permanecen agochadas nos corredores escuros para onde ninguén mira”. Caneda tamén destacou o activismo e compromiso social da escritora, que leva practicando dende o seus primeiros relatos como The Park no que aproveitou a visita do Papa a Irlanda en 1979 para cuestionar o catolicismo no país. Dende entón, seguiu abordando temáticas difíciles e espiñentas, como a pena de morte na súa novela Skin of Dreams (2003), que a levou a pasar tempo coñecendo a realidade dos corredores da morte en cárceres estadounidenses, ou o impacto da emigración irlandesa na vida das mulleres durante a Gran Fame, que explorou na súa novela Not the Same Sky (2013).
Logo de dedicar o número do ano 2022 ao docente e investigador Antonio Rifón, o equipo responsable da revista Hesperia homenaxea, desta volta, no número correspondente ao 2023, ao decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera. “Como mentores e amigos era importante para o novo equipo de Hesperia, que neste momento está formada por min e polas editoras Ana Varela Suárez e María Méndez Santos, facer esta homenaxe”, explica a docente, investigadora e actual directora da revista, Susana Rodríguez Barcia.
Rocío Hernández Arias coordina a sección monográfica do número 26.1 de Hesperia que homenaxea a José Montero a través da literatura, un recoñecemento que o decano da FFT asegura “foi unha sorpresa que aínda hoxe me ten moi emocionado. Antonio Rifón máis eu deixamos a revista hai xa tempo e a nova dirección, antigas alumnas e excelentes colegas, quixo facernos un agasallo por sorpresa”. Xunto á introdución, na que Hernández refírese a “Pepe, como o coñecemos popularmente” como “unha figura constante e inseparable da historia da FFT, como tamén o é de Hesperia, esta revista que, grazas ao seu empuxe e ao seu esforzo, tomou un novo rumbo da man do actual equipo de redacción”.
A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu esta semana as xornadas de sensibilización Gender Vulnerability: Resilience and Resistance in the Work of Contemporary Women Writers impulsadas pola Unidade de Igualdade e organizadas en colaboración co Programa de Doutoramento Idaes-UVigo. Esta actividade, asociada á investigación de Irish Studies at UVigo e coordinada pola investigadora Teresa Caneda, investigadora principal do proxecto Intruths 2, comprendeu dous días de debates coa presenza de expertas das universidades de Granada, Huelva e Santiago de Compostela.
O primeiro día das xornadas centrouse no panorama e tradición literaria irlandesa. Pilar Villar Argáiz, profesora de Universidade de Granada, ocupouse na súa exposición de contextualizar e analizar a obra das poetas Eavan Boland e Paula Meehan, que utilizaron a súa poesía para responder e loitar contra os mitos da identidade nacional irlandesa e o anterior canon literario case exclusivamente masculino, explorando temas polémicos como a sexualidade, a masturbación ou a anorexia.
A celebración do Día Internacional da Tradución, que se conmemora o 30 de setembro, será este ano moi especial para a Universidade de Vigo, xa que coincide co 20 aniversario de Bitraga, a Biblioteca da Tradución Galega. Dende a súa creación en 2004, o obxectivo deste grupo de investigación é “compilar as traducións de obra galega a outras linguas e de obra estranxeira ao galego” que alimentan o Catálogo da Tradución Galega”. Con 5887 orixinais, 7233 traducións, 3041 autorías e 2187 tradutores e tradutoras de referencias literarias en formato libro, “esta ferramenta tense convertido nun espazo de documentación que impulsa a produción científica, o intercambio e o diálogo internacional relacionados cos estudos da tradución”, destacan dende Bitraga. Na actualidade, o grupo de investigación está composto polas profesoras Silvia Montero Küpper, Ana Luna, Áurea Fernández, Iolanda Galanes, Patricia Buján e o profesor Robert Neal Baxter xunto con investigadores e investigadoras novas na etapa de doutoramento e foi recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e cofinanciado por fondos FEDER (UE), a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo.
Para celebrar o 20 aniversario de Bitraga, este xoves 28 terán lugar varios actos tanto no campus como na sede institucional da UVigo na cidade, o edificio Redeiras. Pola mañá, a partir das 11.30 o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá unha conferencia do profesor Burghard Baltrusch co título Walter Benjamin e a filosofía da tradución: un século con `A tarefa de quen traduce’. Nela abordará o prólogo Die Aufgabe des Übersetzers (A tarefa-abandono de quen traduce) do crítico e filósofo berlinés Walter Benjamin publicado hai 100 anos. Orixinalmente este texto é o prólogo da tradución alemá dos Tableaux Parisiens de Charles Baudelaire e considérase hoxe un documento fundamental nos estudos de tradución, que foi retraducido a numerosas linguas. A súa primeira, e até agora única, tradución ao galego foi publicada en 2007 na Universidade de Vigo.
A actividades académica e cultural arranca con forza na Facultade de Filoloxía e Tradución. E é que na mañá deste xoves coincidiron no centro tres eventos de formación complementaria organizados polo decanato e por diferentes grupos de investigación.
Por unha banda, no salón de actos tivo lugar a primeira sesión deste curso do ciclo Conservas con… que contou como convidada coa xornalista, política e escritora Mª Xosé Porteiro. Da man da profesora e vicedecana do centro Inmaculada Anaya abordaron como tema central o discurso e reflexionaron sobre a elaboración do mesmo en distintas situacións. A este evento, que foi presentado polo decano do centro, José Montero, asistiu o reitor da Universidade, Manuel Reigosa.
Paralelamente, e dende as 10.30 horas, celebrouse no salón de graos a xornada Feminismos interseccionais: raza, sexo e xénero na cultura popular contemporánea organizada por BiFeGa, Grupo de investigación de estudos literarios e culturais, tradución e interpretación. Esta actividade, co-financiada a través das axudas de sensibilización en xénero da Unidade de Igualdade e da I Cátedra Internacional José Saramago, contou cunha conferencia plenaria a cargo de Rocío Cobo Piñeiro, da Universidade de Sevilla, e unha mesa redonda e debate coa participación de Iago Rodríguez Diéguez e Alba Zels Garrido, investigadores da Universidade de Vigo e Mariana Jorge Lozano, de Baphala Ediciones. Cobo fixo un percorrido dende Josephine Baker ata Janelle Monáe para abordar os feminismos e os corpos negros nos espectáculos musicais. Mentras, na mesa redonda, Iago Rodríguez centrouse nas mulleres na ficción diaspórica africana; Alba Zels no silenciamiento das mulleres singapurenses a través de The Taximan’s Story, de Catherine Lim e Mariana Jorge, fundadora de Baphala Ediciones, analizou as estéticas da existencia de Foucault, o BD/SM e a prostitución e as representacións da sexualidade radical en Pose e Bonding.
Máis aló do alumando de intercambio procedente doutras universidades que decide realizar unha estadía temporal na UVigo, a institución académica tamén acolle dende hai varios anos estudantes estranxeiros que, a través do programa Campus Spain, veñen estudar español a Vigo durante meses para despois poder matricularse nun grao ou mestrado unha universidade española. Esta iniciativa estase a consolidar como unha excelente ferramenta de captación de alumnado internacional para a UVigo, xa que moitos destes mozos e mozas apostan por quedar aquí para cursar os seus estudos superiores. De feito, dos 80 alumnos e alumnas que o curso pasado completaron o programa formativo LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade española), unha vintena matriculáronse xa na UVigo, procedentes de Tunisia, India, Australia, Sudán, Malaisia, Marrocos, Perú, Colombia, Indonesia e Líbano.
Para a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, Campus Spain está demostrando ser “unha verdadeira ferramenta de captación” que axuda a abrir os campus ao alumnado foráneo e a cumprir un dos eixos centrais do Plan Estratéxico da institución, a internacionalización. Neste sentido, recalca a vicerreitora, o alumnado de Campus Spain, que durante meses se forma da man do Centro de Linguas, potencia tamén a internacionalización do alumnado propio, por exemplo, a través de tándems de conversa en diferentes idiomas, “que no curso pasado funcionaron moi ben”, explica.
Esta mañá arrancou na sede de Afundación, en Vigo, a trixésimo segunda edición do European Systemic Functional Linguistics Conference, ESFLC2023, un congreso internacional no que participan máis de 80 especialistas en Lingüística Sistémica Funcional procedentes dos cinco continentes. Organizado polo grupo de investigación LVTC (Language Variation and Textual Categorization) da UVigo, esta é a primeira vez que o simposio europeo se celebra en Galicia, o que constitúe unha oportunidade “estratéxica” porque “nos sitúa no mapa da comunidade científica como equipo de relevancia na investigación sistémico funcional”, como destaca Ana Elina Martínez-Insua, profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e responsable do comité organizador.
Martínez-Insua foi a encargada de inaugurar o congreso acompañada por Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización; Carlos Gouveia, presidente da European Systemic Functional Linguistics Association); e Dolores González Álvarez, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá. No acto deron a benvida aos 83 expertos e expertas procedentes de Arxentina, Australia, Brasil, Chile, China, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hong Kong, India, Italia, México, Nixeria, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, Sudáfrica, España, Suecia e Taiwan. Aínda que o perfil das e dos asistentes é variado, en xeral son investigadoras e investigadores de lingüística interesados no estudo da comunicación humana tendo en conta os contextos nos que se produce e os medios e canais que emprega.