Cando unha persoa doutra nacionalidade, cultura ou relixión chega a un país alleo atopa múltiples barreiras, comezando pola lingüística. Pero cando esas persoas migrantes se atopan nunha situación de vulnerabilidade, en busca de asilo ou refuxio, o descoñecemento do idioma pode ter consecuencias moi severas. Así o explican as ONG que atenden a mulleres e homes que precisan establecer con estas institucións unha vía de comunicación. En moitos casos a falta de tradutores e intérpretes con formación e coñecementos neste eido é a principal eiva. É nesta necesidade na que traballa un equipo de investigación coordinado pola Universidade de Vigo, en colaboración coas universidades da Coruña, Alacant, Granada, Trás-os-Montes e Alto Douro e Jaume I no proxecto Melinco, Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento. Esta iniciativa, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, celebrou este xoves a súa xornada de peche, organizada polas investigadoras do proxecto Maribel del Pozo e Silvia Pérez. Ademais de conferencias e mesas redondas ao longo de todo o día, tamén se presentaron os resultados do proxecto así como as ferramentas desenvolvidas para mellorar a situación da interpretación e a tradución no campos dos dereitos humanos e a cooperación.
A reforma dos tres graos que se imparten na facultade, a certificación do centro e a posible implantación dun grao aberto. Estes son os tres grandes retos aos que se vai enfrontar o novo equipo decanal da Facultade de Filoloxía e Tradución, un equipo liderado polo catedrático de Literatura española José Montero Reguera, elixido este martes novo decano do centro por 54 votos a favor, 12 en contra e 11 en branco, entre eles os do alumnado, que decidiu non tomar partido e deixar a elección en mans do profesorado e do persoal de administración e servizos. “Temos diante de nós moito traballo por facer, moitas tarefas enriba da mesa, incluíndo o día a día dunha facultade grande, complexa e soa no eido das humanidades en Vigo”, recalcou o xa novo decano.
“Queremos sacar adiante os procesos de reforma de graos que temos enriba da mesa, xestionar o día a día dun centro grande coas súas complexidades e dificultades, e, sobre todo, por medio do diálogo e do respecto, amosar a nosa vontade de facer chegar á sociedade o moito traballo e investigación que facemos; en definitiva, amosar á nosa contorna, dentro e fóra da nosa Universidade, a necesidade dos nosos estudos e dunha Facultade de Filoloxía e Tradución no sur de Galicia”, recalcou Montero.
Nun momento no que a violencia é un dos eixos que parecen impregnar o discurso literario e ante a urxencia de analizar como a lingua actúa na construción do mundo, a Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá os días 16 e 17 de xaneiro o primeiro congreso internacional Lingua e violencia: mediacións literarias na era do Antropoceno. O simposio está organizado polo Departamento de Literatura Española, en colaboración co grupo de investigación ELICIN (Estudios literarios y culturales en lengua española) da Universidade de Vigo, que dirixe a investigadora Carmen Luna; o grupo de investigación Discourse and Identity da Universidade de Santiago de Compostela e o proxecto Language Acts and Wordmaking do King’s College London.
“Este encontro, que vai dirixido sobre todo ao persoal investigador, aínda que tamén está aberto ao estudantado de grao en Ciencias da Linguaxe e Linguas Estranxeiras, ten como obxectivo explorar o xeito no que as distintas formas de violencia se ven reflectidas no discurso literario dende que o incrible impacto do ser humano comezou a influír no ecosistema”, sinala María Alonso, organizadora do congreso e docente da FFT. Estas cuestións serán analizadas mediante o tratamento de temas como a destrución do medio ambiente, a crueldade animal ou a brutalidade social e de xénero. Así mesmo, abordaranse as diferenzas entre os termos centro vs. periferia, poder vs. resistencia, global vs. local... entre outros.