“Hai unha cita que di que a historia comeza onde acaba a memoria da última xeración viva, e Ian Gibson é aí onde traballa, nun lugar onde conflúen os mitos, as lendas, a memoria da xente que vai entrevistando, que son memorias mediatizadas polo seus recordos, son historias con minúscula, individuais e subxectivas, e Ian ten, ou autoimponse, a tarefa de convertelas en historias con maiúscula”. Neste razoamento sustenta Pablo Romero a decisión de titular Donde acaba la memoria o seu documental, no que de Las Hurdes a Granada, pasando pola Residencia de Estudantes, reconstrúe medio século de traballo do hispanista e biógrafo irlandés Ian Gibson.
A película, que abrirá o 2 de setembro o Festival de Cans, e ao día seguinte se proxectará no Cine Salesianos de Vigo, seguida en ambos casos dun coloquio con Gibson e Romero, é a culminación de nove anos de traballo, que ten o seu inicio no festival de cine español de Londres, onde o docente e investigador da UVigo exercía como intérprete para directores e actores. Na capital británica, Romero coñeceu ao director Mike Dibb, amigo de Gibson, e autor de varios documentais sobre traballos do hispanista centrados en Lorca e Dalí. “Nese momento Dibb, estaba intentando conseguir financiamento para o documental de Buñuel e pechar así triloxía. Mike fora ao festival para atopar a Pedro Almodovar e pedirlle cartos. Pero non estaba Almodovar e atopoume a min”, rememora Romero, que acabou por sumarse ao proxecto por invitación de Dibb, primeiro como montador e posteriormente como director.
“No deseño dos graos de humanidades, sobre todo os estudos filolóxicos, adoitaban dominar as competencias que se centraban en que o estudantado ‘soubese’ e non tanto en que ‘soubese facer’, e no Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE) apostamos porque todas as competencias de ciencia básica, de coñecemento teórico, estean determinadas pola súa finalidade e posibilidade de aplicación”. Esta é, segundo Alexandre Rodríguez Guerra, docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, unha das características máis salientables do novo grao en FAGE, que comezará a impartirse o vindeiro curso na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A esta aposta porque todas as competencias estean determinadas pola súa finalidade e posibilidade de aplicación, engádese tamén a da que o alumnado adquira as competencias filolóxicas necesarias co emprego das máis modernas ferramentas da tecnoloxía dixital, “atendendo”, sinala Miguel Cuevas, docente e investigador do Departamento de Lingua Española da UVigo e secretario da FFT “a unha demanda social e a unha necesidade das propias titulacións humanísticas, reivindicando o seu lugar no mundo actual e o seu potencial en traballos interdisciplinares”.
A titulación, que dá continuidade e renova os estudos de galego e español, que se remontan na institución académica viguesa 40 anos atrás, distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español, permitindo ademais ao seu alumnado cursar dous idiomas modernos a elixir entre: alemán, francés, inglés ou portugués. Así mesmo, a incorporación da lingua de signos, nun módulo optativo de especialización, converte a este grao no primeiro do Sistema Universitario Galego en dispor desta formación.
Dunha banda, mulleres vítimas de violencia de xénero, tanto xordas e xordocegas, como inmigrantes e refuxiadas, que non falan a lingua ou linguas do país no que se atopan, e doutra, intérpretes, profesionais da xustiza e outros axentes sociais que desenvolven o seu labor coas primeiras, son os dous colectivos nos que centra o seu traballo o proxecto Justisigns2. O consorcio de persoas expertas de España, Irlanda, Bélxica e Reino Unido que integra o proxecto Eramus+, baixo a coordinación de Intersource Group, céntrase en mellorar as interaccións das vítimas con diferentes axentes que traballan con elas, e é que, segundo explican as docentes e investigadoras da UVigo Maribel del Pozo e Maruxa Cabeza, “son moitos os problemas detectados na comunicación entre esas vítimas e as persoas que as atenden e moitos deles son debidos á falta de formación en violencia de xénero dos e das intérpretes que interveñen, e tamén á falta de formación sobre como traballar con intérpretes por parte das e dos axentes”. Xunto a Del Pozo e Cabeza, os docentes e investigadores Silvia Pérez Freire e David Casado Neira e a estudante de doutoramento Iria Seijas Pérez, completan a representación da UVigo neste proxecto, no que tamén participan a Heriot Watt University de Escocia e o Trinity College de Dublin.
Financiado polo programa Erasmus+, con preto de 400.000 euros, Justisigns2 conta, tamén, como socios con HfH (University of Teacher Education in Special Needs) de Suiza, o Dublin Rape Crisis Center e a An Garda Síochána (Ireland’s National Police and Security Service).
A comunidade universitaria recibiu este venres a triste noticia do falecemento do catedrático de latín xubilado Celso Rodríguez Fernández, coñecido por todas e todos como don Celso, falecido onte xoves, con 89 anos, despois dunha longa enfermidade.
Tal e como lembran os seus compañeiros e compañeiras do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, don Celso foi catedrático de latín na Universidade de Vigo, nunha “longuísima vida docente universitaria”, que encetou en 1966 en Salamanca, continuou en Compostela e terminou en Vigo no ano 2010. Pero cando don Celso iniciou a súa carreira como latinista, levaba xa realizado un notable labor como teólogo, área en que se doutorara en 1961 na Universidade Gregoriana de Roma. “Esta dupla formación, como teólogo e como filólogo, cimentaba a súa autoridade como experto en latín medieval e en historia da liturxia”, lembran desde o departamento, ao tempo que recordan que a el se lle debe a publicación de obras como o Antifonario Visigótico de León, a Paixón de San Pelaxio ou a Paixón de Santa Columba do Códice Pasional da Catedral de Tui.
Unha maior preparación para un mundo globalizado, “pois a competencia multilingüe ten un papel fundamental á hora de mellorar a capacidade de emprego e mobilidade”, é para a docente e investigadora e directora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá, Dolores González, un dos sinais de identidade dos futuros e futuras egresadas do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE), que a UVigo comezará a impartir o vindeiro curso 2021/2022. A titulación, que distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español, permitirá, ademais, ao seu alumnado cursar dous idiomas modernos a elixir entre: alemán, francés, inglés ou portugués. Así mesmo, a incorporación da lingua de signos, nun módulo optativo de especialización, converte a este grao no primeiro do Sistema Universitario Galego en dispor desta formación, “que contribuirá a que existan máis titulados e tituladas cun coñecemento da lingua de signos española (LSE) e a cultura xorda, que son cada vez máis demandados por parte do colectivo xordo”, explica Maruxa Cabeza, docente e investigadora do grupo de investigación Gramática, Discurso e Sociedades (Grades) da UVigo.
A nova titulación, que substitúe ao Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, reforza a oferta da UVigo no ámbito das Humanidades, asegurando a continuidade e renovando os estudos de galego e español, que se remontan na institución académica viguesa 40 anos atrás. “A aplicación das novas tecnoloxías ao estudo da lingua e literatura galega e española, supón unha actualización dos estudos”, sinala Dolores González en relación co novo grao, que ten unha estrutura que permite compartir 90 créditos comúns co outro grao que se imparte na Facultade, o de Linguas Estranxeiras, e 30 créditos específicos de galego e de español. A isto se engade a posibilidade de libre deseño do currículo que fai posible que, ademais dos dous itinerarios propostos, o alumnado teña a opción de deseñar libremente o seu. A incorporación de prácticas externas e que no Traballo Fin de Grao se recolle de xeito explícito a orientación práctica e aplicada, son outras características que achegan singularidade ao novo grao que se estreará cunha oferta de 50 prazas o vindeiro curso 2021/2022.
A endometriose é unha doenza crónica que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil, o que supón máis de 150 millóns de persoas afectadas en todo o mundo, 60.000 delas en Galicia, mulleres que, na súa meirande parte, viviron un longo calvario de anos de visitas por diferentes especialistas médicos ata conseguir un diagnóstico. Este domingo celebrouse o día mundial desta enfermidade, aínda unha gran descoñecida, tanto entre o público en xeral como para o propio sistema sanitario, e desde a Universidade de Vigo quixeron unirse á celebración desta efeméride cunha campaña divulgativa impulsada pola asociación querENDO, mulleres con endiometriose.
A pegada simbólica do primeiro cartel desta campaña de concienciación levouse a cabo na Facultade de Filoloxía e Tradución, un dos centros universitarios cun maior índice de presenza feminina e contou coa participación da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez; a presidenta da asociación querENDO, Cristina Fernández; a vicedecana, Inmaculada Anaya, e Aroa Vázquez, da Delegación de Alumnado.
“Fálase con certa frecuencia de mulleres de ciencia que fixeron grandes descubrimentos, como Marie Curie o Rosalinde Franklin, pero non é habitual oír falar de mulleres de letras que fan tales cousas”, reflexiona a vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade da Facultade de Filoloxía e Tradución, Inmaculada Anaya, e unha das impulsoras de Mulleres de letras que fixeron historia, unha iniciativa coa que o centro celebra o 8M, ao tempo que dá a coñecer os seus recursos. A través de catro vídeos, dedicados a Louise Glück, Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e María Moliner, e un concurso nas redes, no que calquera persoa poderá elixir, de entre unha trintena de mulleres dos ámbitos da filosofía, historia ou literatura de todas as épocas e nacionalidades, aquela que considere máis relevante, a FFT procura unha celebración do Día internacional da muller especial, ao tempo que reivindica “a necesidade de que estes estudos sigan a ser un pilar fundamental na Universidade e da sociedade, en xeral”, explica Anaya.
En dous minutos e medio, a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa Rosalía Rodríguez fala da poetisa e premio Nobel de Literatura 2020 Louise Glück; mentres a profesora titular de Literatura española Montserrat Ribao fai o propio sobre Emilia Pardo Bazán; Ana Luna, docente de Tradución aborda a faceta como tradutora de Xela Arias e a propia Inmaculada Anaya reflexiona sobre a lexicógrafa María Moliner. “Non é doado resumir en tan pouco tempo a biografía destas catro mulleres”, explica a vicedecana, que agarda que as docentes fosen quen de achegar ao público “unha visión xeral de cada unha delas que pretende destacar a súa esencialidade e a súa presencia total neste ano 2021”, no que se cumpre o centenario da morte de Pardo Bazán, no que Xela Arias protagoniza o Día das Letras Galegas e no que Glück é a última gañadora do Nobel de Literatura. Ademais neste 2021 cómprense 40 anos do cabodano de María Moliner, “que para min representa o talento, o rigor, a capacidade do esforzo, a honestidade e coraxe. Todo isto queda reflectido na súa obra Diccionario de uso del español, elaborado sen medios informáticos, sen un equipo de redacción… Admiro o valor desta muller que, en solitario, levou a cabo, unha obra prodixiosa”, recoñece Inmaculada Anaya.
A súa fascinación por Álvaro Cunqueiro chegoulle a Rexina Vega, escritora e profesora do Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo, na adolescencia, cando estudaba o bacharelato e, dende entón, dedicou boa parte da súa carreira como investigadora a afondar na obra deste autor. Todo este labor converteuna nunha reputada especialista na vida e obra do artista e fíxoa merecente de ser designada Cunqueiriana de Honra de 2021, nomeamento que foi decidido pola comisión delegada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro nunha reunión telemática que tivo lugar esta fin de semana.
“Despois de toda unha vida dedicada a pescudar na obra deste autor, sinto unha enorme gratitude por recibir esta distinción”, explicaba este luns a docente, quen tamén fixo fincapé en que esta homenaxe é, sobre todo, “unha grande oportunidade para revitalizar a obra deste autor, un dos grandes activos que temos na nosa literatura”. Desde o seu punto de vista, nesta ocasión tocoulle a ela, pero podería ter sido calquera dos seus compañeiros, “vai por min e por todos eles, xa que hai unha presadiña de estudosos cunqueirianos que levamos toda a vida estudando a obra deste autor, media ducia de investigadores, algún deles compañeiros meus nesta universidade”.
ILSA: Interlingual Live Subtitling for Access dá nome a un proxecto europeo, de tres anos de duración (setembro de 2017 a agosto de 2020), liderado polo grupo de investigación GALMA da Universidade de Vigo e no que participaron cinco socios de tres países europeos (Universidade de Amberes e VRT, Bélxica; Universidade de Varsovia e INTRO PR, Polonia; e Universidade de Viena, Austria). Financiado con preto de 250.000 euros procedentes do programa Erasmus+ da Unión Europea, ILSA tiña como un dos seus principais obxectivos crear o primeiro curso de interpretación simultánea de voz a texto/subtitulado interlingüístico en directo. Non obstante, o cometido de ILSA ía máis alá dun curso de formación, pois tentaba contribuír ao desenvolvemento dunha nova profesión, a do refalador interlingüístico, e dun novo xeito de comunicación en directo entre idiomas que sexa máis accesible, alén de ofrecer igualmente unha serie de guías e directrices sobre como establecer ou pór en práctica o refalado interlingüístico na televisión, en ámbitos educativos e actos públicos. Os resultados do proxecto, que acaba de rematar, están dispoñibles na súa páxina web.