As investigadoras e investigadores en estudos literarios, culturais e tradución e interpretación teñen esta semana unha cita na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde este luns botou a andar o I Coloquio Internacional BiFeGa: Literatura, Cultura e Tradución e Interpretación, unha cita organizada polo grupo de investigación BiFeGa-UVigo, un equipo composto na actualidade por máis de medio cento de especialistas, na que participan como poñentes 25 expertas e expertos, tanto persoal permanente e investigador do propio grupo, como persoas convidadas chegadas desde diferentes partes do mundo.
A apertura do encontro, que pode seguirse en directo a través de UVigoTv, correu a cargo do director do grupo, Burghard Baltrusch, profesor da Universidade de Vigo especializado en Literaturas Lusófonas e presidente da I Cátedra Internacional José Saramago, quen fixo unha breve presentación da historia e situación do grupo, destacando a diversidade das súas liñas de investigación e áreas de coñecemento e facendo unha reflexión sobre a posibilidade de potenciar a cohesión interna de cara á necesidade de competir nun contexto que esixe excelencia e impacto internacional da produción científica, así como de futuras convocatorias de axudas. “Un dos obxectivos principais deste coloquio é visibilizar o labor investigador do grupo, reforzar as sinerxías e a súa cohesión, amosando unha das súas características fundamentais: a interdisciplinariedade”, indicou o docente.
Dous meses despois a súa toma de posesión, o pasado mes de setembro, o embaixador de Irlanda en España, Frank Smyth, visitou hoxe a Facultade de Filoloxía e Tradución e a Estación de Ciencias Mariñas da UVigo, onde da man dos seus responsables coñeceu o traballo que en cadanseu centro se está a desenvolver no ámbito dos Estudos Irlandeses e da investigación mariña, respectivamente. No marco dunha visita institucional que estes días está a realizar a Galicia, Frank Smyth agradeceu esta mañá “a cálida benvida que estou a recibir. Teño ideas para estreitar os vínculos que mantemos, que é parte do noso traballo, ver como nos próximos anos podemos reforzar os contactos entre Galicia e Irlanda”.
Na súa visita á FFT, que ten a súa orixe nun contacto previo da súa antecesora no cargo a raíz da celebración no centro do Congreso Internacional da Asociación Española de Estudios Irlandeses, o embaixador reuniuse coa vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama; o decano e a vicedecana de Relacións Internacionais do centro, José Montero e Beatriz Rodríguez; a directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Dolores González; a docente e investigadora Teresa Caneda, así como cun grupo de estudantes de grao e doutoramento. No caso da Ecimat, o embaixador de Irlanda en España, que está acompañado nesta xira por Galicia pola conselleira da Embaixada, Paula Molloy, tivo ocasión de visitar as instalación da estación mariña acompañado polo seu director, José Manuel Estévez, e polo director do Centro de Investigacións Mariñas e director do Campus do Mar, Daniel Rey.
Ademais de empregarse en numerosos ámbitos como o sanitario, social, xudicial, policial ou o de negocios, a interpretación de enlace é a técnica máis utilizada nos servizos públicos entre persoas inmigrantes, refuxiadas ou solicitantes de asilo que non coñecen a lingua do país no que se atopan e precisan de intérpretes para poder acceder a eses servizos. “A interpretación de enlace (IE) é que se leva a cabo de forma dialóxica entre dúas ou máis persoas que non comparten a lingua e diferénciase da interpretación simultánea en que non adoita precisar equipamentos técnicos, e da interpretación consecutiva en que non se interpreta un discurso dunha lingua a outra, senón que se media nun diálogo, con todo o que isto leva consigo”, detalla a docente e investigadora da UVigo e autora do libro La interpretación de enlace. De la teoría a la práctica, Maribel del Pozo Triviño.
O volume, publicado pola editorial Comares, foi presentado hoxe nun acto desenvolvido en liña a través de Campus Remoto, no que ademais da autora, participaron Icíar Alonso Araguás e Jesús Baigorri Jalón, investigadores do grupo Alfaqueque (Universidad de Salamanca). A presentación desenvolveuse, ademais, ao abeiro do terceiro Ciclo de Encuentros Traductológicos (CETra) do Laboratorio de Investigaciones en Traductología (LIT) da Universidad Nacional de La Plata (Arxentina), en cuxa representación participaron Ana María Gentile e Gabriela Yáñez.
Chus Pato e Luz Fandiño son dous dos nomes máis representativos da poesía galega actual e tamén dúas das relatoras que o vindeiro mes de novembro van participar en Vigo nun ciclo de recitais e clases abertas sobre xénero e literatura galego-lusófona actual. Elas, xunto coa profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Chus Nogueira, son as representantes galegas de Vozes de mulheres nas literaturas en língua galega e portuguesa, unha actividade organizada polos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch e Antía Monteagudo, aberta ao público en xeral e que traerá tamén ata a Cidade Olívica a tres especialistas portugueses das universidades Sourbonne Nouvelle, Liverpool e a Universidade Católica de Braga.
Organizado ao abeiro do proxecto de investigación Poesía actual e política II: conflito social e dialoxismos poéticos Poepolit II, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Cátedra Internacional José Saramago, o ciclo comprende sete sesións que terán lugar no Instituto Camões e na Facultade de Filoloxía e Tradución ao longo de todo o mes de novembro. A primeira cita será o día 3 no Camões ás 16.00 horas e para ela contarase coa profesora especialista en Estudos africanos e literatura en lingua portuguesa Egídia Souto, da Université de la Sorbonne Nouvelle, que centrará a súa intervención en explicar a resiliencia de mulleres africanas, para o que empregará o caso de Mozambique e da historia colonial que padeceu a partir dun dos autores actuais máis emblemáticos deste país: Mía Couto. “Esta primeira sesión na Casa Arines exporá as grandes liñas de análise que logo se traballarán en forma dun pequeno seminario nunha segunda sesión, que será xa na Facultade de Filoloxía e Tradución”, apunta Baltrusch.
A obra poética é unha faceta menosprezada da obra literaria de Cervantes, eclipsada pola súa proxección como novelista. Pero Miguel de Cervantes achegouse á poesía en todas as súas vertentes e foi a expresión artística que cultivou de maneira máis constante, “desde os seus primeiros anos até o final dos seus días, cando se despide dos lectores cun adeus garcilasiano no Persiles”. Así o explica o profesor e decano de Facultade de Filoloxía e Tradución José Montero no seu novo libro Miguel de Cervantes. El poeta que fue novelista. O volume reúne e sintetiza materiais diversos “consecuencia dunha longa traxectoria investigadora dedicada ao estudo da obra literaria de Miguel de Cervantes que comezou agora hai 25 anos”, resume Montero. Todos estes materiais foron coidadosamente revisados para artellar este libro, que segundo remarca, non é unha compilación de artigos, “senón un libro que descansa nunha longa dedicación ao tema”.
Montero Reguera, catedrático de Literatura Española, é director de Hesperia (Anuario de Filología Hispánica) e de Anales Cervantinos e ten publicado numerosos estudos sobre autores e textos do Século de Ouro, con especial atención a Cervantes. Explica que a poesía de Cervantes quedou nun segundo plano por diversos motivos, que van da importancia do Quijote ao longo do tempo e do resto das obras en prosa, especialmente Novelas ejemplares e Persiles y Sigismunda, pero tamén “pola dificultade de comprensión hoxe de textos poéticos de hai tres séculos”, polas canles en que foi transmitida a poesía de Cervantes e por certa incomprensión da historiografía literaria”. Non obstante, cultivou a poesía ao longo de toda a súa carreira “ben manuscrita, ben impresa; para academias, xustas e certames; incorporada a libros de prosa ou teatro; seria, xocosa, lírica, burlesca, épica, satírica…” Esta producción poética é a que revindica Montero, xa que considera que “non se pode prescindir dunha expresión literaria que acompañou a Cervantes sempre, en próspera e adversa fortuna, que lle permitiu certo renome no seu momento (como escritor romancista, por exemplo) e que lle insería de cheo nas canles polas que a literatura de entón, a poesía en particular, circulaba”.
Na primavera, a Universidade de Vigo lanzou unha iniciativa pioneira en todo o panorama universitario español que ten por obxectivo recoñecer cun distintivo as escolas, facultades e centros de investigación máis igualitarias. Das 11 candidaturas recibidas, o xurado elixiu á Facultade de Filoloxía e Tradución para converterse no primeiro centro da UVigo en lucir esta distinción. Con este selo, a Universidade quere recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido. A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, traslada os parabéns de toda a institución académica á FFT “polo seu compromiso e promoción activa e permanente da igualdade” ao tempo que tamén recoñece “o gran labor do resto de facultades, escolas e centros que se presentaron a esta convocatoria polo seu esforzo en traballar en prol da igualdade”.
A publicación da resolución definitiva da concesión deste galardón esta semana coincide tamén co lanzamento dunha Guía de Boas Prácticas, un documento que nace da análise “das accións presentadas polos once centros que participaron na primeira convocatoria”, como explica Águeda Gómez. Deste xeito, engade, “todas as actividades, achegas e apostas serven así como un manual de como facer as cousas comprometéndose coa igualdade”. De feito, Gómez recalca que a avaliadora externa da primeira convocatoria, “unha persoa cunha moi ampla experiencia neste eido”, quedou “impactada” polo “compromiso indiscutible amosado por todas as escolas e facultades que presentaron a súa candidatura”.
“Que resulte premiada é, por suposto, algo marabilloso”, asegura Helena Cortés Gabaudán, Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 pola tradución ao español do orixinal en alemán da obra El Diván de Oriente y Occidente (West-östlicher Divan) de Johann Wolfgang von Goethe. “Foi unha grande alegría e supón un recoñecemento moi ilusionante a un labor bastante solitario de moitos anos”, explica a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo, que recoñece que a tradución é unha parte moi importante da súa vida “que vai más aló da mera esixencia de investigación da universidade. É unha vocación”, afirma.
O Ministerio de Cultura y Deporte, a través da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura, confirmaba nas últimas horas o Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 para Helena Cortés, así como o Premio Nacional a la Obra de un Traductor para Anne-Hélène Suárez “polo seu gran labor de difusión da literatura china en España”. No caso de Cortés, o xurado propuxo a súa obra ao considerar que El Diván de Oriente y Occidente “é un intento pioneiro de fusionar as culturas de Oriente e Occidente”, ao tempo que destaca que se trata dun “texto clásico que se traduce íntegro por vez primeira respectando a forma do orixinal alemán, que, a súa vez, se basea nas formas da poesía persa. Trátase dun gran reto filolóxico para lingua castelá polo seus elementos rítmicos e métricos, cuxa incorporación enriquece o canon da nosa literatura”.
De Londres ás Hurdes. Das Hurdes a Madrid, de alí a Granada e finalmente a Vigo pasando polo festival de Cans. A historia da película documental Donde acaba la memoria é a historia dunha viaxe xeográfica, temporal e persoal, a historia de Buñuel pero tamén a historia do hispanista Ian Gibson. A cinta, proxectada este venres no cine Salesianos, está dirixida polo profesor de Filoloxía e Tradución e investigador do grupo GALMA Pablo Romero e quere ser un espello a través do que coñecer a Gibson mentres el segue os pasos de Luis Buñuel e a súa película Tierra sin pan.
Así, o documental emprega as investigacións de Gibson sobre Buñuel como fío condutor, traslada ao espectador ás Hurdes, percorre as súas aldeas, pero pouco a pouco, Tierra sin pan e Buñuel deixan paso ao historiador irlandés como verdadeiro protagonista, amosándoo como un rescatador da memoria histórica e un estudoso de tres dos principais creadores españois de todos os tempos: Lorca, Dalí e o propio Buñuel. Donde acaba la memoria pecha, de feito, a triloxía de pezas audiovisuais froito de máis de 50 anos de investigacións.
Gibson recoñece que “pode que non houbese nin un só día da miña vida no que non pensase nos últimos momentos, as últimas horas, os últimos días de Federico García Lorca”. E esta afirmación coincide plenamente con como Romero define ao escritor irlandés tras nove anos traballando cóbado con cóbado: unha persoa “dedicadísima ao seu traballo, rigoroso e extremadamente traballador e produtivo e tamén moi obsesivo, que pode pasarse unha semana buscando unha dato que finalmente solo vai ser unha nota ao pé nun libro de 1000 páxinas”.
O Premio de Literatura en Lengua Castellana Miguel de Cervantes é o máximo recoñecemento ao labor creador de escritores españois e hispanoamericanos. En 2020 o galardoado foi Francisco Brines e entre o xurado que deberá elixir o seu sucesor haberá un profesor da Universidade de Vigo: o decano da Facultade de Filoloxía e tradución e catedrático de Literatura Española José Montero. Xunto a el, forman parte deste xurado outras nove persoas (oito vogais e un secretaría) entre as que hai nomes tan coñecidos como a escritora Elvira Lindo. A súa función será elixir entre as candidaturas presentadas a un escritor ou escritora cuxa obra teña contribuído a enriquecer de forma notable o patrimonio literario en lingua española.
Montero foi proposto para formar parte deste grupo pola Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE) e recoñece que é “desas cousas inesperadas, impensadas, pero que ás veces acontecen e aledan moito, moitísimo, pois supón participar no xurado do premio máis importante no eido en que veño traballando dende hai trinta anos. Que un catedrático de Literatura Española poida formar parte do xurado do premio Cervantes é unha honra e unha satisfacción moi grandes”. Estende esta satisfacción á institución académica á que pertence e alédase “moitísimo” de que unha “universidade pequena e da periferia -xeográfica, que non intelectual nin académica- teña sido elixida para formar parte do xurado do mais importante premio das letras españolas”.