Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Este venres arrancou no edificio Redeiras da Universidade de Vigo o congreso internacional Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario, unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos profesores e destacados especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, no estudo da obra de Raymond Roussel, considerado toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais, un procedemento literario baseado no uso de homónimos e xogos de palabras, literaturas que resultaron claves en autores posteriores como o grupo Oulipo, un grupo de experimentación literaria fundado en 1960 polo escritor Raymond Queneau e o matemático François Le Lionnais.
De todo isto, e moito máis, fálase este xoves e venres en Vigo, e faise da man dun selecto grupo de especialistas chegados de todo o mundo, desde Canadá ata Xapón, pasando por Francia, Bélxica, Noruega, Chipre, Italia ou Holanda.
Partindo da reflexión de Georges Perec sobre o “infraordinario”, o congreso expón como as regras de escritura poden renovar a ollada sobre a vida corrente e xerar novas formas de escritura. Nesta liña os seus responsables explicaron como o Oulipo buscou fusionar matemáticas e literatura mediante trabas, o que lle valeu críticas pola súa aparente distancia do mundo real. “Porén, analizamos se estas prácticas permiten unha aproximación crítica e creativa ao cotián”, explicou Salceda, ao tempo que puxo enriba da mesa exemplos como os paseos alfabéticos de Roubaud, os poemas no metro de Jouet ou o proxecto Lugares de Perec.
Con peplos y a loco; Frotunatrans y Jacista; El género es un decir; Enséñame la lengua; Mens sana y queerpore sano e Normatividad Duval son os suxestivos títulos dalgunhas das 130 comunicacións plenarias que desde hoxe e ata o vindeiro venres se desenvolverán en varios espazos da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo ao abeiro do V Congreso internacional Maricorners 2026. “Durante tres días inundaremos a UVigo de rosa e unicornios coa firme vontade de expandir os ríxidos marcos da disciplinas e quizais tamén contaxiar un pouco o queer por estes corredores, porque nunca é tarde para abrazar a disidencia”, dixo Paula Serna, vicepresidenta da Asociación Maricorners, organizadora xunto a un grupo de docentes e persoal investigador da UVigo, do congreso inaugurado esta mañá no salón de actos da FFT.
Con preto de 270 persoas inscritas, 200 delas de xeito presencial, o Congreso Maricorners converte Vigo na súa quinta edición en punto de referencia dos estudos interdisciplinares LGTBIA+ e queer con case 40 paneis, que inclúen máis de 130 comunicacións, plenarias, presentacións de pósteres e obradoiros. Un programa académico que se completa con outro social, que arrancou onte coa proxección de Algo novo que contar de Paula Pereira e Delincuente de Nuria Vidal e que continuará esta noite cun bingo musical Drag King, presentado por Aymar Note na Fábrica de Chocolate e rematará mañá xoves na Escola de Artes e Oficios cunha sesión de presentacións editoriais de obras como Lengua mutante de Ártemis López; La pluma en el tintero: estudios de plumología y expresión de género de Sara Engra e Nacho Esteban ou Medea e Fedra de Fernando Domènech. Ademais as persoas interesadas na temática LGBTIA+ poderán atopar ata o venres e sen saír da FFT, na entrada da súa biblioteca, a mostra Biblioqueer. Fondo bibliográfico LGBTIA+ da UVigo.
O alumnado do Grao en Tradución e Interpretación ten nos ámbitos xudicial e xurídico dúas saídas profesionais para nas que na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo poden formarse con materias específicas, ademais de ter a posibilidade de participar unha vez ao ano na Xornada de Linguas, tradución e cousas xurídicas, organizada xunto á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e nas que especialistas do dereito e da tradución e interpretación xurídicas afondan en diversos aspectos da profesión.
“Ademais de que a tradución xurídica e a interpretación xudicial son saídas laborais moi relevantes, consideramos que coñecer o sistema xudicial por dentro sempre é importante para calquera persoa”, sinala Alberto Álvarez Lugrís, docente e investigador do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo. Álvarez Lugrís xunto a outros docentes da FFT acompañou este pasado venres, a uns 80 estudantes dos tres primeiros cursos do Grao en Tradución e Interpretación a varios xuízos da Sección Civil do Tribunal de Instancia da Vigo, celebrados na macrosala da Cidade da Xustiza.
65 relatores e relatoras de sete países e preto de 200 asistentes chegados de máis dunha vintena de puntos do mundo participan desde hoxe a ata o vindeiro venres na segunda edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT, que se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo. Organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) da UVigo, en colaboración coas universidades de Córdoba e Alacante, o congreso afondará no estudo das circunstancias sociais, culturais, políticas, pero sobre todo, tecnolóxicas actuais para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla e tamén fóra dela.
“Nun momento no que a tradución se enfronta a desafíos como a dixitalización, a intelixencia artificial ou as narrativas transmedia, encontros como este convértense en espazos imprescindibles para pensar xuntos, debater e avanzar”, sinalou o docente e investigador do grupo T&P da UVigo e organizador do congreso Óscar Ferreiro esta mañá na inauguración das sesións. Ferreiro tamén lembrou que ParatradIT ten a súa xénese no congreso techLING celebrado en 2021 e “en menos de cinco anos, fomos quen de organizar tres eventos internacionais, o que dá boa conta do dinamismo, da capacidade de colaboración e da forza deste proxecto”.
A revista Cumieira, vinculada ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, vén de publicar o seu volume número 10, unha edición que marca os dez anos de traxectoria da publicación desde a aparición do seu primeiro número en decembro de 2016 e que consolida unha década de actividade editorial orientada a promover a investigación en filoloxía galega e a acompañar a formación dunha nova xeración de investigadoras e investigadores no ámbito da lingua e da literatura de Galicia.
Este novo volume reúne cinco artigos de investigación e unha recensión, consolidando o perfil da revista como un espazo dedicado á investigación en lingua e literatura galegas, especialmente orientado a dar visibilidade ao traballo das mozas e mozos que están arrancando a súa traxectoria investigadora.
As diferentes escolas e facultades da Universidade de Vigo comezan a quentar motores para a celebración do 8M, o Día Internacional da Muller, e desde a Facultade de Filoloxía e Tradución, primeiro centro da UVigo en acadar o Distintivo de Igualdade, quixeron xa celebrar este mércores unha iniciativa que serve de pórtico aos diferentes actos que se levarán a cabo ao longo da vindeira semana. Falamos da inauguración da exposición Universo Quixotas, un proxecto que achega ao público múltiples variantes do mito literario de don Quixote protagonizadas por mulleres.
Promovida polo profesor José Montero Reguera, decano da facultade, no marco das actividades que está a desenvolver dentro do grupo de investigación Ediciones y estudios de literatura española, e-LITE, e o Instituto de Investigación iLingua da UVigo, a mostra poderá visitarse ata finais de abril e complétase cunha exposición bibliográfica na biblioteca do centro, organizada coa colaboración do seu persoal, tal e como explicou Montero Reguera no acto inaugural.
Foi un home “esencialmente bo”, “agarimoso”, “cheo de valores” e así será lembrado para sempre na Universidade de Vigo, “onde deixou unha fonda pegada”. Falamos do catedrático de Filoloxía Latina Celso Rodríguez Fernández, don Celso, recoñecido filólogo e teólogo, falecido o 10 xuño de 2021, pero que para sempre será recordado na actual Facultade de Filoloxía e Tradución, onde exerceu maxisterio durante máis de corenta anos e onde este venres se instalou un busto na súa memoria. Foi unha homenaxe “sinxela” e “chea de emoción”, no que se reuniron familiares, compañeiros, ex-alumnos e alumnas, amizades..., xunto ao decano do centro, José Montero, que exerceu como anfitrión; o reitor, Manuel Reigosa, e o autor do busto, Antonio Manuel Rodríguez González.
O primeiro en intervir foi, precisamente, a persoa responsable da doazón, Antonio Manuel Rodríguez, quen exercera durante anos como conserxe neste centro, o que lle deu a oportunidade de coñecer a don Celso e establecer con el fondos lazos de amizade e, sobre todo, desenvolver cara el unha fonda admiración. “Don Celso era unha persoa moi sinxela, moi simple, moi humilde, comprometido coa facultade e coa Universidade en xeral”, explicou o autor do busto, quen lembrou como a don Celso o que máis lle gustaba era “que todo saíse ben” e como puña sempre todo o seu empeño para que iso fose así. “Con este busto agardo ter representado a alma de todo o que el significaba”, subliñou emocionado.
Unha ducia de docentes reflexionan ao longo do día de hoxe sobre o futuro e os retos do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo nunha xeira que, impulsada polo director da Área de Normalización Lingüística, Benigno Fernández Salgado, se suma ao seminario e ao simposio, celebrados nos campus de Ourense e Pontevedra, respectivamente, co obxectivo de afondar na presenza do galego en diferentes ámbitos e promover o emprego da lingua en calquera campo do saber.
O salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución acolle durante todo o día as presentacións, duns vinte minutos de duración, teóricas ou prácticas do profesorado, co obxectivo de definir cara onde evolucionar. Historia e discurso, coa participación de Manuel Forcadela, Benigno Fernández Salgado, Alexandre Rodríguez e Xosé María Gómez Clemente; educación, literatura e lingua coas intervencións de Alicia Sentí, Ana Acuña e Mercedes González; lingua e sociedade con Ana Iglesias e Xosé-Henrique Costas e arte, cultura e investigación, coa participación de Verónica Pousada, Burghard Baltrusch e Xosé A. Fernández Salgado, son as mesas que se desenvolverán ao longo da xornada, que tamén inclúe, ante da clausura unha conferencia de Alberto Pombo titulada Pensar o porvir da filoloxía galega.
Despois do éxito da primeira edición en 2024, o Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia regresará ao campus de Vigo en marzo de 2026. Esta segunda edición terá lugar os días 25, 26 e 27 e a Facultade de Filoloxía e Tradución repetirá como sede do que pretende ser o segundo evento científico dunha serie que, ao longo dos anos, estudará as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.
Organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo en colaboración coa Universidad de Córdoba e a Universidade de Alacante, celebrarase tanto na modalidade presencial como en liña co español, o galego, o francés, o inglés e o portugués como linguas do congreso.
Ao fronte da organización están os profesores da Universidade de Vigo Óscar Ferreiro, José Yuste e Ramón Méndez xunto co docente da USC Emmanuel Claude Bourgoin, que explican que nesta segunda edición queren seguir compilando “resultados de investigación sobre o impacto das intelixencias artificiais tanto na realidade profesional dos procesos de tradución como na aprendizaxe e a docencia das linguas estranxeiras.