José Montero Reguera, actual decano en funcións da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, será o único candidato que concorrerá ás eleccións que o centro celebrará o vindeiro 21 de abril. Montero preséntase á relección co mesmo equipo co que ata o de agora dirixiu o centro, con Miguel Cuevas como secretario; Inmaculada Anaya como vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade; Beatriz Rodríguez, como vicedecana de Relacións Internacionais; María Seijas, como vicedecana de Calidade e Xosé Soto como vicedecano de Organización Académica.
Logo da proclamación definitiva da candidatura, que tivo lugar onte, hoxe comezou a compaña electoral, que se prolongará ata o día 19. O día 20 será xornada de reflexión e o 21 celebrarase a primeira votación ás 10.30 no salón da actos da facultade. “Continuar cun traballo que está a dar froito e desenvolver proxectos truncados pola pandemia en moitos eidos, máis singularmente nos ámbitos da diversidade, igualdade e inclusión”, é para o candidato ao decanato un dos seus obxectivos cara a relección, que recoñece supón “asumir unha responsabilidade nun momento difícil para as humanidades. A nosa facultade non deixa de ser unha illa nun mar de ciencias e tecnoloxía”, asegura.
“Para chegar a entender a actividade comunicativa en comunidades bilingües ou multilingües como a nosa temos que entender como se combinan o individual e o colectivo, a cognición e a cultura, o biolóxico e o institucional, etc.“, explica María del Carmen Parafita Couto, docente e investigadora do grupo LVTC (Languaje Variation and Textual Categorisation) da UVigo, que lembra que na comunicación humana se entrecruzan de xeito complexo o código ou códigos lingüísticos, as capacidades de procesamento lingüístico, as relacións sociais, as intencións comunicativas, o coñecemento previo e as pautas culturais que rexen as situacións de interacción en comunidades específicas. Co obxectivo de reflexionar, desde distintos puntos de vista, sobre as prácticas multilingües, alumnado do curso Lingua e Sociedade da Lingua Inglesa da Facultade de Filoloxía e Tradución organiza este mércores 12 de abril a mesa redonda A mente bilingüe: Entre a sociedade e a cognición, que se celebrará no Instituto Lingua da FFT, entre as 17 e as 19.00 horas.
Na sesión, o alumando do curso entrevistará a sete docentes e investigadoras e investigadores que estudan o bi ou o multilingüismo deste diferentes perspectivas, desde a lingüística ata a tradución, a psicoloxía, a tecnoloxía intelixente ou a física. “A diversidade de perspectivas que serán presentadas nesta discusión pode levar a un maior entendemento sobre o bi/multilingüismo, así como ao desenvolvemento de novas abordaxes para a súa análise”, sinala Parafita, que confirma que cada un das e dos participantes achegará a súa propia experiencia e coñecemento en relación co tema, o que agarda xere un debate produtivo.
Ata o vindeiro luns 10 de abril permanecerá aberto o prazo de presentación de traballos aos Premios de poesía, relato curto e tradución que convoca a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
Abertos a todos os membros da comunidade universitaria, o obxectivo destes galardóns, convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, é distinguir as mellores poesías, relatos cursos traducións escritos en lingua galega, sempre de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia da Lingua e o Instituto da Lingua Galega.
Co obxectivo de afondar na investigación da cultura popular en lingua inglesa a través de manifestacións artísticas concretas e que o alumnado de grao, mestrado e doutoramento compartise o seu traballo de investigación sobre esta temática, este mércores celébrase no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución a primeira edición do seminario Cultural Studies Reloaded: Analysing Popular Manifestations in English. Organizado polas docentes e investigadoras do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Adriana Taboada e Inmaculada Pérez, o seminario inclúe unha ducia de charlas, dúas delas conferencias plenarias e tres paneis, integrados por alumnado da UVigo e tamén da USC e da Universidad de Extremadura.
“A cultura popular forma parte das nosas vidas.Todos lemos literatura, vemos películas e series ou xogamos a videoxogos, e todos eles forman parte da nosa cultura, modificándoa e sendo modificada por ela”, explican Inmaculada Pérez e Adriana Taboada. Non obstante, e aínda que se ten progresado moito e os estudos culturais son unha disciplina consolidada no mundo anglosaxón, ambas as dúas docentes aseguran que seguen a existir prexuízos e a distinción entre alta e baixa cultura fai que moitas manifestacións artísticas populares queden sen estudar. “Con este seminario demostramos que a chamada cultura popular si ten cabida na academia, e que para entender verdadeiramente o mundo no que vivimos debemos prestar atención a ambas e as relacións entre elas”, sinalan Adriana Taboada e Inmaculada Pérez.
Cando a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo Helena Cortés Gabaudan recibiu o encargo da editorial Arpa de escribir unha biografía de Johann Wolfgang Goethe decidiu a aceptar o reto, “e falo de reto porque Goethe foi tan gabado, fíxose tanta haxiografía da súa persoa e obra, que calquera cousa que se atreva un a dicir sobre el resulta, ou ben escaso, ou ben un sacrilexio”, explica a xermanista, tradutora e autora de Goethe. Vivir para ser inmortal. Non obstante, Cortés asegura que “me parece que xa vai sendo hora de baixalo dos altares e retratalo de xeito obxectivo, cos seus moitos acertos, pero tamén cos seus erros, tanto no humano, como no científico e literario. E non se trata dun mero intento de desmitificación, porque Goethe foi realmente un gran talento e deféndese só, trátase de poder achegalo a nós e velo cara a cara desde a nosa altura”.
Para escribir a que é a primeira biografía elaborada por unha ou un autor español actual, “Cansinos Assens incluíra en 1957 unha longa biografía ao inicio da súa tradución de Goethe para Aguilar”, aclara Cortés, de quen foi un gran vitalista, ao tempo que profundamente hipocondríaco, que rexeitou durante toda a súa existencia o que lle lembraba á enfermidade e á morte, a investigadora optou polo relato, centrándose moito máis en contar ao home Goethe de carne e óso tal como era. “Na miña introdución preséntoo como un home angustiado de xeito patolóxico pola idea da morte e que por isto pon todo o seu talento e paixón vital en acadara inmortalidade. Esa é a idea que trata de reflectir o título”, explica Helena Cortés, que na súa obra reconstrúe as etapas e episodios máis significativos da vida do autor alemán. Así, a xermanista e tradutora da UVigo recrea na súa biografía a intensa e complexa amizada de Goethe co seu mecenas, o duque de Weimar; a súa pouca convencional comprensión do erotismo e a súa relación coas mulleres; a súa tenra relación cos netos e a súa obsesión de deixar tras de si un legado; a paixón de naturalista e a súa faceta de científico diletante; os seus felices anos bohemios en Italia e as tensións políticas da Alemaña da era napoleónica e a posterior presión conservadora, que condicionaron a súa vida.
Case ano e medio despois de coñecerse a concesión do galardón, a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da UVigo Helena Cortés Gabaudán recibía nas últimas horas, nun acto celebrado no Edificio Pignatelli de Zaragora, e adiado por mor da covid, o Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021, pola tradución ao español do orixinal en alemán da obra El Diván de Oriente y Occidente (West-östlicher Divan) de Johann Wolfgang von Goethe. SS.MM. los Reyes foron os encargados de entregar os Premios Nacionales correspondentes ao 2021, cos que o Ministerio de Cultura y Deporte distingue a personalidades da cultura en ámbitos como a literatura, a historia, cómic, tradución, ilustración, fomento da lectura ou xornalismo.
O xurado do Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 propuxo galardoar a obra de Helena Cortés ao considerar que El Diván de Oriente y Occidente “é un intento pioneiro de fusionar as culturas de Oriente e Occidente”, ao tempo que destacou tamén que se trata dun “texto clásico que se traduce íntegro por vez primeira respectando a forma do orixinal alemán, que, a súa vez, se basea nas formas da poesía persa. Trátase dun gran reto filolóxico para lingua castelá polo seus elementos rítmicos e métricos, cuxa incorporación enriquece o canon da nosa literatura”.
Italia, Francia, México e Alemaña son os principais países de procedencia dos 278 estudantes internacionais que completan a súa formación nas aulas da Universidade de Vigo no segundo cuadrimestre. Boa parte deles participaron este martes nun acto de benvida que lles ofreceu a institución académica na Facultade de Filoloxía e Tradución e no que recibiron información de utilidade sobre os servizos que lles ofrece a UVigo e as actividades que poden realizar durante a súa estadía.
No acto deste martes, que se replicará mañá mércores en Ourense e o xoves en Pontevedra, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, foi a encargada de saudar ás e aos novos alumnos e alumnas, acompañada por representantes da Oficina de Relacións Internacionais e da asociación Erasmus Student Network (ESN-Vigo), que presentaron a súa iniciativa de acompañamento e acollida para o alumnado internacional, o Buddy Program. Ademais, nesta xornada de benvida tamén puideron realizar un test de nivel para acceder ao curso de español que organiza o Centro de Linguas. A vicerreitora deulles as grazas por escoller a Universidade de Vigo e animounos a aproveitar ao máximo esta experiencia, tanto dende o punto de vista académico como persoal. “Non vos quededes na casa”, recalcaba, convidándoos a coñecer a cidade e contorna, as linguas, tanto español como galego, e a achegarse á cultura, á historia ou á música da súa terra de acollida.
Naceron a finais da década de 1990 e están arrancando a súa traxectoria profesional como investigadoras no ámbito da lingua e literatura galegas. Para facilitarlles este camiño o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo edita desde 2016 a revista Cumieira. Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, coordinada polo profesor Xosé A. Fernández Salgado e concibida coa unha ferramenta coa que darlle proxección pública aos traballos académicos destas novas xeracións de estudosas e estudosos do galego. Neste novo volume, e xa van 7, recóllense cinco novas investigacións.
Baixo o título A Xeración Xabarín e a normalización da lingua galega, Sol Vilas, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, examina o papel dos medios de comunicación no proceso de normalización do galego, analizando a influencia do programa Xabarín Club na etapa infantil e xuvenil. Tras o contraste dos datos das enquisas realizadas a dous grupos de persoas de diferente idade (a da Xeración Xabarín e a da xuventude actual), a investigadora constata que “a mocidade actual, que non tivo acceso a un contido televisivo de calidade en galego, está máis castelanizada”.
Desde este xoves todas as persoas interesadas no mundo dos videoxogos poden votar os seus títulos favoritos de 2022, xa sexan en español, galego, catalán ou éuscaro. Así arranca a segunda edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos, unha iniciativa coa que a institución académica viguesa busca recoñecer o bo traballo das persoas que se dedican á localización de videoxogos, é dicir, a conseguir trasladar un videoxogo da súa lingua orixinal a unha lingua meta. “Ademais de dar ese recoñecemento ás mellores producións do ano, queremos tamén ofrecerlles visibilidade ás persoas que desempeñan ese labor de localización, apoialas na súa loita por unha adecuada acreditación do seu traballo e darlles un pulo ás linguas propias das diferentes comunidades históricas”, explican Óscar Ferreiro, Ramón Méndez, José Yuste e Emmanuel-Claude Bourgoin, os catro docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución que están detrás desta iniciativa.
Lanzáronse hai apenas un ano e xa nesa primeira edición acadaron un notable éxito. “Nesta segunda convocatoria agardamos chegar aínda máis lonxe, de feito xa se puxeron en contacto con nós múltiples profesionais de empresas que desenvolven xogos preguntándonos se este ano se ían convocar os premios”, explica o profesor Óscar Ferreiro. A localización dos videoxogos é un dos eidos máis descoñecidos dun inmenso mercado profesional que non para de medrar. Trátase, tal e como indican na propia web dos galardóns, dun sector de gran capacidade empregadora, xa que o desenvolvemento dun videoxogo involucra, segundo o caso, desde unha única persoa ata un milleiro delas. Neste aspecto, “o eido da localización adoita ser un dos máis descoñecidos, malia a grande importancia que posúe a correcta adaptación do produto orixinal ás linguas meta”, salientan os organizadores, ao tempo que lembran que esta iniciativa xorde do grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P), dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), título con Mención de Excelencia da Xunta de Galicia.