A Facultade de Filoloxía e Tradución atópase nun momento de grandes desafíos, pois o sistema universitario de hoxe esixe unha serie de accións e tarefas impensables non hai tanto tempo. Trátase dunha facultade moderna coas súas complexidades e dificultades que pretende facer chegar á sociedade o inmenso traballo e investigación que realiza; en definitiva, mostrar á contorna, dentro e fóra da Universidade de Vigo, a necesidade dos estudos que se imparten nela e a pertinencia dunha Facultade de Filoloxía e Tradución no sur de Galicia, nestes tempos en que cómpre facer fronte a múltiples cambios e nos que os estudos lingüísticos e culturais deben seguir contando cun papel relevante.
Neste sentido, a facultade ten un claro compromiso coa calidade, a excelencia e a mellora continua, tanto no centro coma nas titulacións que nel se imparten; recoñece así a importancia da posta en marcha dunha estratexia abordada de forma colectiva tendo en conta a contorna e os principais retos cara ao futuro.