A Universidade da Sorbona está sendo esta semana sede dun coloquio internacional titulado Nos, el desengaño, que aborda o desencanto na literatura e o mundo hispánico. O decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera é un dos poñentes desta cita internacional na que expoñen os seus traballos especialistas de 16 universidades de Francia, España, Italia, Arxentina e México.
Organizado por María Zerari, da Universidade da Sorbonne; Paloma Bravo, da Sorbonne Nouvelle; Michele Guillemont, da Universidade de Lille; e o profesor José Montero Reguera, ao longo de tres xornadas as e os investigadores abordarán as definicións, modalidades e representacións do desengano así como a súa evolución nos séculos XVI e XVII. O obxectivo do encontro é analizar e e redefinir “o desengano e o desencanto nas súas diversas manifestacións textuais -e non pictóricas ou plásticas-, a través dos diferentes significados que os textos do Século de Ouro lle puideron conferir”, destacan os organizadores.
Co propósito de compartir coa sociedade e difundir entre as persoas interesadas o coñecemento especializado sobre a tradución e interpretación de linguas de sinais, o vindeiro venres 9 de xuño o edificio Redeiras acollerá o obradoiro Interpretación e tradución de linguas de sinais: retos, estratexias e competencias.
O obxectivo, explica María Teresa Veiga, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística e membro do grupo de innovación docente Grettel, é dar a coñecer e poñer en valor os avances realizados ao abeiro dos distintos proxectos de investigación da UVigo sobre a tradución e interpretación de linguas de sinais e, ao tempo, “obter unha mellor comprensión da realidade e das demandas específicas dos tradutores e intérpretes de lingua de sinais española que operan en Vigo e os seus arredores”, destaca. Neste sentido, a docente subliña que “a colaboración e o intercambio de experiencias enriquecerá a formación dos participantes e brindará a oportunidade de explorar os desafíos inherentes á interpretación e tradución de linguas de sinais, así como as estratexias e competencias necesarias”. Ademais, engade, “pensamos que é fundamental que exista unha conexión entre a Universidade e a sociedade, entre as persoas investigadoras e a realidade cotiá das persoas que desempeñan ese traballo”.
Os profesores da Universidade de Vigo José Montero e Gonzalo Navaza formarán parte do xurado dos Premios Nacionais de Cultura 2023, galardóns ao máis alto nivel das letras españolas. Así se publicou esta semana no Boletín Oficial do Estado -29 de maio-, onde se detalla a relación dos premios nacionais que concede o Ministerio de Cultura e Deporte, entre os que se atopan o Premio Nacional de Poesía, en cuxo xurado participará o profesor José Montero, e os Premios Nacionais á Mellor Tradución e á Obra dun Tradutor, dos que formará parte Navaza.
Catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura e decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero participará no xurado a proposta da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, como especialista en poesía española dos séculos XVI e XVII. “Lector voraz de poesía desde sempre, o traballo como xurado será para min un verdadeiro pracer”, admite o docente, quen conta cunha longa traxectoria como xurado de distintos galardóns, entre outros, o Premio Cervantes 2021.
Prostremum Munus, ‘o último agasallo’. Este é o título elixido polas compañeiras e compañeiros de quen fora catedrático de Filoloxía Latina da Universidade de Vigo Celso Rodríguez Fernández, don Celso, falecido en xuño de 2021, para titular un libro homenaxe na súa memoria, unha obra en lembranza deste recoñecido filólogo e teólogo, de quen só “tolerancia, sorriso e bondades podemos lembrar”. O volume presentouse este martes na “súa amada” Facultade de Filoloxía e Tradución, nun acto que se converteu nunha cálida homenaxe a unha persoa que exerceu 47 anos como profesor universitario, primeiro en Salamanca, logo na Universidade de Santiago de Compostela e, desde 1972, en Vigo, primeiro no Colexio Universitario de Vigo, antigo Cuvi, e, xa logo, na creación e desenvolvemento da nova facultade humanística viguesa, hoxe chamada Filoloxía e Tradución, da que foi decano e na que se xubilou en outubro de 2013.
A presentación do libro, editado polo Servizo de Publicacións, contou coa participación de numerosas persoas amigas de don Celso, de quen se lembrou tamén o seu labor como docente no Seminario Diocesano de Tui -que se prolongou durante 61 anos-, ademais das súas ocupacións como sacerdote. Presidiu o acto o reitor, Manuel Reigosa, quen se referiu a don Celso coma “un dos fundadores” e, ao seu carón, compartiron mesa a vicedecana, Inmaculada Anaya, que substituíu ao decano, José Montero, a quen motivos de última hora impediron a súa asistencia; e os docentes Francisco J. Ledo Lemos, editor do volume xunto coa profesora Helena Cortés Gabaudán e o profesor, xa xubilado, Fernando Romo Feito. Entre o público, numerosas caras coñecidas, entre elas, o expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
A vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, asiste este luns en Madrid á Xornada Franco-Española arredor da Universidades Europeas, unha xuntanza na que participan as institucións académicas que forman parte dunha alianza de European Universities, como é o caso da UVigo, socia de ATHENA.
O evento, que se celebra ao longo de toda a xornada no Institut Français de Madrid, reúne actores universitarios das 25 alianzas europeas que asocian centros de educación superior franceses e españois, así como actores institucionais e políticos, como o ministro de Universidades, Joan Subirats, que no acto de apertura salientou a importancia de ampliar este tipo de alianzas con universidades de África e América Latina. O ministro tamén recalcou a relevancia dos sistemas de mobilidade para a captación de talento, das microcredenciais e dos programas de doutoramento industriais e a súa promoción a nivel internacional.
O obxectivo desta xornada é, como explica a vicerreitora, “compartir boas prácticas e experiencias, identificar os obstáculos atopados e reflexionar sobre as ferramentas para superalos, así como fomentar novas colaboración”. Ademais, trátase dun evento de especial relevancia que se desenvolve a só catro meses do Foro das Universidades Europeas que se celebrará en Barcelona, no marco da Presidencia Española do Consello da Unión Europea. Del Pozo participa na xuntanza en representación da UVigo como socia de ATHENA xunto con outros dous membros da Université d’Orléans, outra das entidades que forman parte desta rede.
Máis dun cento de persoas ateigaron este xoves o edificio Redeiras para asistir á xornada Vigo Noir, cidade ilustrada, un evento organizado por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución que reuniu a varios escritores de renome para falar de Vigo, do seu capital literario e do fenómeno Vigo Noir. O acto serviu tamén para render homenaxe a Domingo Villar, escritor falecido hai xustamente un ano, e un dos principais representantes dun fenómeno literario que ten como nexo de unión a elección da cidade de Vigo como localización para as súas novelas negras.
Os encargados da organización desta cita foron José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución; Iolanda Galanes Santos, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e Blanca Miranda Rodas, estudante de doutoramento e investigadora sobre a tradución do Vigo Noir, que se amosaban moi satisfeitos pola acollida deste evento entre o público, cunha asistencia que mesmo desbordou a capacidade da sala. “Despois de traballar con moita ilusión neste acto, nunca pensamos que ía ter tanto éxito”, recoñece Blanca Miranda, e citaba a María Xosé Porteiro que, no transcurso do acto, facía fincapé en que “conseguir algo tan luminoso arredor do ‘noir’ ten un aquel especial”.
A representación das nenas e as mozas na cultura actual non sempre é tan moderna como aparenta. Así se explicou este venres na Xornada de Sensibilización Girlhood: representación das nenas e mozas na cultura do século XXI, unha actividade organizada polo grupo de investigación BiFeGa -Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación-, co patrocinio da Unidade de Igualdade.
“Queremos facer reflexionar sobre as representación que teñen as nenas e as mozas e que, ao noso modo de ver, segue a ser moi daniña, así como tamén na interiorización que fan as propias nenas destes modelos tan prexudiciais para elas e que non sempre se cuestionan amplamente na sociedade”, explicou a coordinadora da xornada, a profesora Belén Martín Lucas, recalcando así a importancia de facer pensar sobre esta cuestión. “Se ben existen intervencións feministas sobre estas temáticas, segue a haber moitísimos produtos comercializados nas grandes plataformas e editoriais que son aparentemente moi modernos, pero que na realidade representan patróns claramente tradicionais”, recalcou a investigadora.
As xornadas, que se levaron a cabo no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, centráronse naqueles xéneros que van especialmente dedicados a esa franxa de idade para ver cales son as representacións que teñen as mozas e como as reciben elas. Nesta liña, Belén Martín Lucas explicou na introdución ao evento que ao longo da xornada se analizaría literatura xuvenil e infantil e tamén coñecidas series de televisión.
O pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución acolle dende hoxe xoves unha mostra que, baixo o título Avant-gardes au féminin, pretende subliñar a importancia das mulleres, como artistas, como dinamizadoras e como temática nas vangardas e durante todo o período dos Années Folles, é dicir, a década de 1920 en Francia. Esta exposición, que se poderá visitar durante todo o mes de maio, é obra dun grupo de alumnas de Literatura Francesa do segundo curso do Grao de Linguas Estranxeiras, coa coordinación dos profesores desta materia Carla Figueiras e Hermes Salceda, do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.
A través dos paneis, situados no vestíbulo do centro, as e os visitantes poden coñecer algunhas das artistas máis destacas desa época e tamén os movementos das vangardas, como o dadaísmo e o surrealismo, así como artistas masculinos que representaron ás mulleres e os seus corpos. Por exemplo, unha das mulleres presentes na mostra é Germaine Dulac, cineasta, xornalista e figura destacada da vangarda francesa dos anos 20. Na mostra tamén están presentes representantes doutras moitas disciplinas e vangardas, dende Coco Chanel ata a cantante e a actriz Joséphine Baker, a fotógrafa e escritora Claude Cahun, actriz e directora Marie Epstein, a modelo Kiki de Montparnasse ou a escritora, poetisa e novelista Natalie Clifford Barney.
A Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá entre o 21 e o 23 do vindeiro mes de xuño a novena edición do Congreso Internacional de Fonética Experimental (CIFE 2023), no que se darán cita investigadores, teóricos e profesionais dunha gran variedade de disciplinas como a acústica, a fonética experimental ou a neuropsicofonética. O obxectivo do simposio é, como explican Miguel Cuevas Alonso e Rosalía Rodríguez Vázquez, coordinadores do Laboratorio de Linguaxe e Cognición e organizadores do congreso, “explorar a complexidade dos sons da fala e o seu procesamento”.
Esta é a primeira vez que o congreso CIFE recala Vigo, xa que como destacan os seus impulsores, “despois da inauguración e posta en marcha do Laboratorio de Linguaxe e Cognición, pensamos que era o momento de que a nosa universidade fose a sede deste congreso”. Ao longo dos tres días de duración do simposio intervirán algúns dos máis importantes expertos e expertas neste eido procedentes de universidades estatais e estranxeiras, “un elemento crucial á hora de levar a nosa facultade alén das nosas fronteiras”.