Día de Rosalía 2024

O vindeiro venres 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía 2024.

I

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa si era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Sóio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madanela na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, e arrinquéino;
mais… ¿quén pensara…? Despóis
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena… ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor…!

(Follas Novas)

II

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pe dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

(Follas Novas)

 

III

Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

¡Cómo a triste branca nube
truba o sol que inquieto aluma;
cál a crube i o descrube,
pasa, torna, volve e sube,
enrisada branca pruma!.

Xa, dempóis, lonxe espallada
polos aires fuxitivos,
desteñida, sombrisada,
nos espasos desatada,
cae brillando en raios vivos.

(Cantares gallegos)

IV

Cando a luniña aparece i o
sol nos mares se esconde,
todo é silencio nos campos,
todo na ribeira dorme.

Quedan as veigas sin xente,
sin ovelliñas os montes,
a fonte sin rosas vivas,
os árbores sin cantores.

Medroso o vento que pasa
os pinos xigantes move,
i á voz que levanta triste,
outra máis triste responde.

Son as campanas que tocan,
que tocan en sons de morte,
i ó corasón din: “N’olvides ós
que para sempre dormen.”

(Cantares gallegos)