Prostremum Munus, ‘o último agasallo’. Este é o título elixido polas compañeiras e compañeiros de quen fora catedrático de Filoloxía Latina da Universidade de Vigo Celso Rodríguez Fernández, don Celso, falecido en xuño de 2021, para titular un libro homenaxe na súa memoria, unha obra en lembranza deste recoñecido filólogo e teólogo, de quen só “tolerancia, sorriso e bondades podemos lembrar”. O volume presentouse este martes na “súa amada” Facultade de Filoloxía e Tradución, nun acto que se converteu nunha cálida homenaxe a unha persoa que exerceu 47 anos como profesor universitario, primeiro en Salamanca, logo na Universidade de Santiago de Compostela e, desde 1972, en Vigo, primeiro no Colexio Universitario de Vigo, antigo Cuvi, e, xa logo, na creación e desenvolvemento da nova facultade humanística viguesa, hoxe chamada Filoloxía e Tradución, da que foi decano e na que se xubilou en outubro de 2013.
A presentación do libro, editado polo Servizo de Publicacións, contou coa participación de numerosas persoas amigas de don Celso, de quen se lembrou tamén o seu labor como docente no Seminario Diocesano de Tui -que se prolongou durante 61 anos-, ademais das súas ocupacións como sacerdote. Presidiu o acto o reitor, Manuel Reigosa, quen se referiu a don Celso coma “un dos fundadores” e, ao seu carón, compartiron mesa a vicedecana, Inmaculada Anaya, que substituíu ao decano, José Montero, a quen motivos de última hora impediron a súa asistencia; e os docentes Francisco J. Ledo Lemos, editor do volume xunto coa profesora Helena Cortés Gabaudán e o profesor, xa xubilado, Fernando Romo Feito. Entre o público, numerosas caras coñecidas, entre elas, o expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.


