O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Carlos Garrido presentou este venres o seu último libro: Dicionário de Zoologia e Zoonímia dos Invertebrados. Português / Espanhol / Inglês / Alemão, unha extensa obra lexicográfica que reúne arredor de 180.000 termos en catro linguas e constitúe unha importante contribución á terminoloxía zoolóxica e á tradución científico-técnica, converténdose na maior colección compilada ata a data de nomes vernáculos de invertebrados en galego-portugués e español.
Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, a presentación do volume tivo lugar no salón de graos da Facultade de Bioloxía e nela o autor estivo acompañado polo catedrático de Zooloxía e exreitor da UVigo Salustiano Mato, e o director do Servizo de Publicacións, o profesor David Tizón.


