Os profesores da Universidade de Vigo José Montero e Gonzalo Navaza formarán parte do xurado dos Premios Nacionais de Cultura 2023, galardóns ao máis alto nivel das letras españolas. Así se publicou esta semana no Boletín Oficial do Estado -29 de maio-, onde se detalla a relación dos premios nacionais que concede o Ministerio de Cultura e Deporte, entre os que se atopan o Premio Nacional de Poesía, en cuxo xurado participará o profesor José Montero, e os Premios Nacionais á Mellor Tradución e á Obra dun Tradutor, dos que formará parte Navaza.
Catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura e decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero participará no xurado a proposta da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, como especialista en poesía española dos séculos XVI e XVII. “Lector voraz de poesía desde sempre, o traballo como xurado será para min un verdadeiro pracer”, admite o docente, quen conta cunha longa traxectoria como xurado de distintos galardóns, entre outros, o Premio Cervantes 2021.


