Cun panel sobre perspectivas históricas comezou esta mañá a terceira edición do Coloquio Internacional en Estudos Literarios, que se prolongará ata mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución. Organizado polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios das Universidades de Vigo e da Coruña, o Grupo de Investigación BiFeGa e a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo e coordinado polo docente e investigador Burghard Baltrusch, director do grupo BiFeGa, no transcurso do encontro daranse a coñecer unha trintena de traballos desenvolvidos arredor de varios eixes temáticos: Literaturas en lingua española, galega e portuguesa; literaturas comparadas; estudos de tradución; estudos culturais; música; teatro; cinema; artes visuais; experimentalismo e estudos interartes, historia… “O seu obxectivo principal é favorecer o intercambio de coñecementos, metodoloxías e experiencias entre doutorandas e doutorandos do campo dos estudos literarios, ademais de fortalecer a cooperación científica e o diálogo interdisciplinar entre os grupos de investigación asociados”, sinala Burghard Baltrusch, que iniciou a súa intervención na inauguración do Coloquio facendo súa unha cita do escritor Manuel Rivas: “A literatura é a forma máis libre de respiración.”
Cunha importante presenza da comunidade investigadora de Brasil (Pernambuco, Río Grande do Sul, Estadual de Paraiba, Católica de São Paulo, Estadual do Oeste do Paraná, Federal de Uberlandia), que se completa con representantes das tres universidades galegas e de Portugal (Porto, Coimbra e Nova de Lisboa), o coloquio focalízase nas novas e novos investigadores, facilitando o intercambio de coñecementos e experiencias das mozas e mozos que se están a incorporar ao mundo da investigación no eido dos estudos literarios e culturais en Europa e en América.


