O proxecto de investigación InTruths2, coordinado pola profesora da Universidade de Vigo Teresa Caneda, analiza as articulacións de vulnerabilidades individuais e comunitarias na literatura irlandesa contemporánea. A idea de centrarse nesta temática xurdiu das conclusións dun proxecto previo, Truths, sobre os silencios e as verdades incómodas que se agochan da cultura e a sociedade irlandesa. Aquel equipo, tamén coordinado por Caneda, concluíu que as narrativas investigadas “poñen de manifesto a existencia de formas individuais e comunitarias de vulnerabilidade e tamén manifestan un desexo crucial de «falar» co fin de curar as feridas tanto dos cidadáns a nivel particular como da sociedade como conxunto”.
Aí é onde arrancou en 2021 inTRUTHS2, que como explica Caneda, vai máis aló dos significados polarizados da vulnerabilidade “nun intento de abordar as súas manifestacións multifacéticas na rica escena cultural da escritura irlandesa contemporánea, e especificamente pandémica e pospandémica”. Agora, tras anos de traballo, o proxecto encara a súa recta final (remata a finais deste curso) celebrando esta semana na Universidade de Galway o seu derradeiro seminario científico. Nesta cita, “exemplo da proxección internacional da investigación que se orixina na UVigo”, especialistas de diferentes países abordaron a interdependencia e a vulnerabilidade na cultura irlandesa actual.


