Que fai de Vigo unha cidade literaria? Cales son os seus lugares máis significativos? Que ligazóns se poden establecer nas súas rúas e prazas entre realidade e ficción? Estas son só algunhas das preguntas ás que se respondeu este martes na conversa Vigo, capital literaria, a actividade coa que a Facultade de Filoloxía e Tradución, “a casa das letras, das linguas e da tradución da UVigo”, deu a benvida o novo curso.
Para abordar esta particular conversa entre o presente e o pasado literario da cidade, contouse coa participación de dous convidados de excepción, os escritores Álex Alonso e Elena Gallego Abad, moderados pola profesora Iolanda Galanes, “alma mater” desta actividade, en palabras do decano do centro, José Montero Reguera, quen explicou que este acto de inicio de curso é secuencia doutras actividades organizadas pola FFT: Vigo, cidade de novela, con Ledicia Costas e Manuel Bragado, no 2022, e Vigo Noir: cidade ilustrada, con Mª Xosé Porteiro, Pedro Feijóo, Forcadela e Xaquín Núñez Sabarís, no 2023.


