Na semana na que se celebra o Día do Libro as actividades culturais rebolen en cada recuncho da Facultade de Filoloxía e Tradución. Na véspera desta data, o 23 de abril, o centro acolleu toda unha serie de actividades que trouxeron ata o campus a algún dos novos valores que agroman nas letras galegas: Tamara Andrés, Lara Dopazo, Jorge Rodríguez Durán e Valentina Marta Rodríguez.
“A Facultade de Filoloxía e Tradución como referente no campo das Humanidades non podía permanecer allea a esta celebración. Por iso, profesorado de diferentes departamentos da facultade unímonos para preparar esta xornada”, explica a docente María Méndez, coordinadora do evento xunto con Valentina Marta Rodríguez e Alberto Álvarez Lugrís. A intención, tal e como explican, era tripla: formar o alumnado da Facultade e da Universidade en temas relacionados coa escrita literaria e a súa tradución; fomentar a súa creatividade e técnicas para apoiar a quen queira dedicarse a escrita literaria e, por último, acercar á Universidade e á sociedade autoras e autores de Galicia que teñen publicado recentemente obras en galego.


