A primeira edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT-2024_UVigo_T&P, vai camiño de converterse nun éxito e, a dúas semanas da súa celebración, a organización ten xa confirmados arredor de 240 participantes. A cita, que terá lugar entre os días 20 e 22 deste mes, tanto en modalidade presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución como en formato virtual, ten como finalidade promover o diálogo entre o uso das linguas e das novas tecnoloxías dixitais con achegas e debates científicos nas cinco linguas do congreso: español, galego, francés, inglés e portugués.
Os profesores Óscar Ferreiro, José Yuste, Emmanuel Bourgoin e Ramón Méndez, membros do Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P), son os encargados da organización deste evento, e amósanse “moi satisfeitos” pola acollida e pola participación, “que está a ter un éxito notable a nivel internacional”. De feito, contan con persoas inscritas de todo o estado Español e doutros 15 países, como Italia, Francia, Alemaña, Marrocos, Arabia Saudí, Rusia, Portugal, China, Xapón, Nixeria ou EEUU, entre outros. En total, presentaranse 80 comunicacións, cun total de 101 relatores, ao que hai que sumar tres conferenciantes plenarios, arredor de 110 asistentes e 28 participantes nos seis obradoiros complementarios ao congreso.


