Coa conferencia inaugural Videojuegos, juegos serios y gamificación en la enseñanza de segundas lenguas a cargo do doutor en Tradución e Interpretación pola Universidade de Alacante José Ramón Calvo Ferrer arrancou esta mañá a I Conferencia internacional de investigación en linguas, CIIL 25. O congreso inaugural do Instituto de investigación Lingua da UVigo prolongarase ata este venres reunindo un destacado número de especialistas en dúas xornadas que se celebran co obxectivo de acadar sinerxías, dar a coñecer os traballos que se están a desenvolver e asentar as redes do iLingua.
O relatorio de Calvo Ferrer, que foi presentado polo docente e investigador da UVigo José Yuste Frías, comezou logo da inauguración da conferencia na que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, e o director de iLingua, Javier Pérez Guerra, e a secretaria e do Instituto e do comité organizador María Méndez, agradeceron a participación e expresaron o seu desexo de que as sesións de traballo sexan proveitosas para afondar no estudo das linguas.


