Máis dun cento de persoas ateigaron este xoves o edificio Redeiras para asistir á xornada Vigo Noir, cidade ilustrada, un evento organizado por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución que reuniu a varios escritores de renome para falar de Vigo, do seu capital literario e do fenómeno Vigo Noir. O acto serviu tamén para render homenaxe a Domingo Villar, escritor falecido hai xustamente un ano, e un dos principais representantes dun fenómeno literario que ten como nexo de unión a elección da cidade de Vigo como localización para as súas novelas negras.
Os encargados da organización desta cita foron José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución; Iolanda Galanes Santos, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e Blanca Miranda Rodas, estudante de doutoramento e investigadora sobre a tradución do Vigo Noir, que se amosaban moi satisfeitos pola acollida deste evento entre o público, cunha asistencia que mesmo desbordou a capacidade da sala. “Despois de traballar con moita ilusión neste acto, nunca pensamos que ía ter tanto éxito”, recoñece Blanca Miranda, e citaba a María Xosé Porteiro que, no transcurso do acto, facía fincapé en que “conseguir algo tan luminoso arredor do ‘noir’ ten un aquel especial”.


