No marco das actividades relacionadas co 8M, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este xoves unha xornada sobre novas perspectivas feministas centrada no papel da muller galegofalante nas redes sociais. Esta iniciativa, impulsada por dúas estudantes de 4º curso do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, Sara Castro e Silvia Trabazos, tiña como obxectivo dar a coñecer o labor das mulleres no medio dixital. Para iso contaron coa creadora de contidos @todomalva gz coa que conversaron sobre os principais retos e dificultades que se atopa no desenvolvemento da súa tarefa creativa, tanto polo feito de ser muller como por escribir en galego.
O evento foi un éxito de público, coa participación de profesorado pero, sobre todo, de numeroso alumnado do centro, xa que se trataba dunha proposta pensada para o público máis novo e centrada nas redes sociais, “pois nestes días Twitter, Instagram e Tik Tok forman parte da nosa cotiandade”, explican as organizadoras. A modo de conversa, o público puido comprobar, a través da figura de Malva, que explicou, por exemplo, que “algúns comentarios en redes que en principio non parecen misóxinos fundaméntanse sobre a crenza de que vale máis o que fan os homes e constitúen, pois, unha depreciación da creación por parte das mulleres”.


