Unha fotografía dunha recente montaxe do Centro Dramático Galego ilustra a portada de Teaching Shakespeare in Film and the Arts Today: Models, Methods, Materials, que, como asegura o seu editor, o docente e investigador da UVigo Jorge Luis Bueno, “reflicte simbolicamente a relevancia transcultural que ten Shakespeare”. Froito da súa experiencia dende hai máis dunha década nun seminario sobre o autor inglés e o cinema, Bueno presenta neste volume unha colección de capítulos que revisan enfoques pasados, presentes e futuros relacionados con Shakespeare no cinema co fin de rastrexar os modelos, métodos e materiais utilizados por docentes e estudosos á hora de abordar estas cuestións dentro e fóra da aula.
“Quería que o volume ofrecese ao lector exemplos prácticos do ensino da análise textual a través do cinema e as artes como estudos de caso metodolóxicos que puidesen ser adaptados por outros profesores ou desfrutados por lectores interesados no campo. Quería tamén que houbese multitude de puntos de vista polo que convidei a autores xa consagrados, a académicos nas súas primeiras etapas profesionais e a investigadores con doutoramentos en proceso. A multitude de perspectivas dálle gran valor ao volume e é quizais o que o distingue doutros libros semellantes”, asegura o coordinador do volume, recentemente editado por Cambridge Scholars Publishing.


