O ano pasado a Vicerreitoría de Internacionalización e o Centro de Linguas puxeron en marcha un programa de Tándem Lingüístico, unha iniciativa pioneira na Universidade de Vigo que tiña por obxectivo poñer en contacto a persoas que falan diferentes linguas con membros da comunidade universitaria que queiran coñecer algún destes idiomas e ao tempo practicar con elas español ou galego. Como explica Óscar Ferreiro, director de Área de Plurilingüismo, a acollida foi moi boa, “tivo moitísimo éxito e é unha riqueza que temos que aproveitar”. Participaron 127 membros da comunidade universitaria, tanto PAS como profesorado pero, sobre todo, alumnado, e entre todos ofreceron máis dunha vintena de idiomas “como o francés, o alemán, o italiano ou o swahili así como outros menos coñecidos”.
Tras o bo recibimento que tiveron os tándems na primeira edición, o programa regresa neste novo curso e ofrece unha trintena de linguas, dende algunhas ben habituais como alemán, árabe, chinés, español, italiano, francés, galego, polaco, portugués, neerlandés, romanés, turco, húngaro ou inglés, a outras menos coñecidos como hindi, filipino, islandés, indonesio, ruso, xabanés, farsi, coreano, malaio, marathi, hebreo, crioulo, yoruba, urdu, tagalo ou hokkien. Para facer posible unha oferta de idiomas tan ampla, un dos eixos fundamentais do programa é o alumnado estranxeiro que se atopa na Universidade de Vigo cun programa de mobilidade. Elas e eles son os que achegan boa parte da diversidade de linguas que fan posible o Tándem Lingüístico.


