A Universidade de Vigo deu a benvida este mércores ao alumnado estranxeiro que acaba de chegar aos campus de Vigo e Pontevedra para completar a súa formación durante o segundo cuadrimestre. En total, son 198 mozos e mozas de 32 países de Europa, América e Asia, que se suman aos 43 que chegaron en setembro pero elixiron a opción de quedarse durante o curso completo. Desde xeito, neste segundo cuadrimestre a UVigo contará nas súas aulas con 241 estudantes estranxeiros de programas de mobilidade que, sumados aos 228 que realizaron a súa estadía no primeiro cuadrimestre, deixa unha cifra global de 480 alumnos internacionais neste curso 2023/2024.
Os actos de benvida para as e os que acaban de chegar tiveron lugar hoxe en Vigo e en Pontevedra, e mañá será a quenda de Ourense. No campus de Vigo foron recibidos polo reitor, Manuel Reigosa, pola vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e polo decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, centro anfitrión do acto. O reitor amosouse “orgulloso e feliz de tervos aquí, de que nos escollerades”, e lembroulles que a pesar de ser unha universidade pequena “somos fortes en investigación e estamos entre as 600 mellores do mundo segundo o ránking de Shanghai de 2023”. Reigosa tamén fixo fincapé no papel de “faro” que as universidades deben desenvolver na procura dunha “sociedade mellor” e convidou o alumnado a involucrarse neste proceso para crear unha sociedade baseada no coñecemento, igualitaria e comprometida co desenvolvemento sostible. Finalmente, animounos a aproveitar a súa estadía en Galicia en todos os eidos e a tecer redes que poden ser importantes no seu futuro. “Agardamos que dentro de 20 ou 30 anos lembredes esta experiencia en Vigo como unha etapa chea de ledicia”. Tamén a vicerreitora Maribel del Pozo se dirixiu ao estudantado para desexarlles que teñan “unha boa experiencia”, tanto académica como persoal, que “axudará a convertervos en mellores cidadáns” e que “cando volvades ás vosas casas, o fagades cunha mente nova, porque a experiencia internacional cambiará as vosas vidas, así que gozade de cada momento e aprendede. Será un tesouro nos vosos corazóns”. Finalmente, o decano da FFT, José Montero, aproveitou tamén para lembrarlles, en inglés, español e galego, que esta é unha terra bilingüe e culturalmente rica, e animounos a aprender unhas nocións básicas da “lingua de Rosalía, de Curros e dos trobadores da ría”.


